A directora xeral de Formación Profesional destaca o potencial dos primeiros proxectos que arrancan no centro galego de innovación da FP

Eugenia Pérez interveu na Comisión 4ª do Parlamento para dar conta da posta en marcha deste espazo concibido como laboratorio de innovación e investigación aplicada para a transferencia de coñecemento


Ao abeiro do traballo coordinado entre institutos e centros integrados de FP e empresas, poranse en marcha iniciativas centradas na dixitalización das edes de auga, a recarga de vehículos en movement e o enoturismo
 

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

A directora xeral de Formación Profesional da Xunta de Galicia, Eugenia Pérez, debullou esta mañá ante a Comisión 4ª do Parlamento de Galicia a folla de ruta para a entrada en funcionamento do Centro Galego de Innovación da FP Eduardo Barreiros, en Ourense, que inaugura a súa actividade con tres proxectos centrados na economía sustentable, a fabricación mecánica e o enoturismo, que se desenvolverán dentro da área de Innovación Aplicada do centro.

 

Segundo explicou a representante da Consellería, o arranque destes proxectos é o primeiro paso da colaboración directa entre o mundo académico e o mundo empresarial “e que se irá consolidando ao longo dos anos”. “De aí que estes primeiros pasos sexan iniciativas ambiciosas e vencelladas ao contexto actual e coa implicación directa de centros de FP e empresas”, sinalou.

 

O primeiro destes proxectos é unha iniciativa de dixitalización intelixente das redes de augas co obxectivo de reducir o consumo enerxético e minimizar as perdas, que se desenvolverá en colaboración entre os Centros Integrados de FP A Carballeira e A Farixa de Ourense, o Politécnico de Santiago e a empresa Viaqua.

 

A segunda das iniciativas da que deu conta a directora xeral é un proxecto para mellorar a recarga de vehículos en movemento, que pilotarán o instituto IES Politécnico de Vigo e o Centro Integrado de FP As Mercedes, de Lugo.

 

O terceiro dos proxectos que arrancarán no Eduardo Barreiros será unha iniciativa de enoturismo, que xurde do Centro de FP Carlos Oroza de Pontevedra e o instituto IES Vilamarín en colaboración co referentes empresariais do ámbito enogastronómico e vitivinícola en Galicia como o Grupo Nove, as adegas Paco y Lola, Martin Codax e Viña Costeira, a Estación de Viticultura e Enoloxía de Galicia e o Consello Regulador do Ribeiro.

 

Estes primeiros proxectos encaixan no obxectivo para o que foi concibido o Centro Galego de Innovación da FP como espazo de apoio á docencia onde se concentrará a investigación e innovación aplicada.

 

Cun investimento de case 10M€ froito da colaboración da Xunta de Galicia e a Deputación de Ourense, o Eduardo Barreiros está estruturado en catro áreas principais que son a área de Innovación aplicada (que inclúe proxectos de biotecnoloxía aplicada, fabricación aditiva, industria 5.0, enerxía e sustentabilidade...), Emprendemento industrial (como a titorización de proxectos e xestión de patentes), Comunicación estratéxica e internacionalización (visibilización de proxectos e difusión e proxección nacional e internacional) e Formación de alta especialización (coa adaptación formativa do profesorado ás novas tecnoloxías e novas realidades do mercado).