A Xunta comeza as obras de acondicionamento da antiga estrada PO-400, no concello de Arbo, cun investimento de 1,3 M€

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo alcalde de Arbo, Horacio Gil, supervisou o inicio dos traballos, que cumpriron co cronograma previsto para iniciarse neste mes de de ecembro e que contan cun prazo de execución de seis meses

Executarase en dúas fases, comezando polo acondicionamento do tramo antigo da vía e continuando coa mellora da intersección coa PO-400, para dispoñer unha glorieta

Reforzarase o firme, executaranse beirarrúas e sendas nos tramos urbanos e acondicionaranse os cruces

Habilitarase un carril de parada de autobús, coa colocación dun refuxio, ademais dunha zona de aparcadoiro, e mellorarase a seguridade peonil no antigo trazado da PO-400, coa construción dun itinerario cun ancho de 1,80 metros
 

Arbo, 23 de decembro de 2022.-

A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, vén de comezar as obras de acondicionamento e mellora da seguridade viaria do antigo trazado da estrada PO-400, no concello de Arbo, que contan cun investimento de 1,3 millóns de euros, no que se inclúen as expropiacións dos predios necesarios para a execución do proxecto.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado do alcalde de Arbo, Horacio Gil, e de técnicos da Axencia Galega de Infraestruturas e da empresa adxudicataria, supervisaron o inicio dos traballos, que cumpriron co cronograma previsto para iniciarse neste mes de decembro e que contan cun prazo de execución de seis meses.

A actuación recén comezada dividirase en dúas fases: unha primeira de acondicionamento do treito antigo da PO-400 e unha segunda de mellora da intersección co actual trazado da estrada, onde se procederá á construción dunha glorieta para favorecer a regulación do tráfico e os accesos á vía.

 

Mediante este proxecto, a Xunta levará a cabo a rehabilitación do firme e a execución de beirarrúas e sendas nos treitos urbanos, así como o acondicionamento das interseccións inicial e final da estrada e a creación dunha rotonda na contorna do punto quilométrico 24 da estrada actual.

 

A intervención inclúe a execución dun novo tramo de conexión desde a antiga estrada ata a citada glorieta do quilómetro 24, así como o acondicionamento do acceso á rotondaa prevista desde a estrada que discorre en dirección ao núcleo do Picoto.

 

Executarase, ademais, un carril de parada de autobús e colocarase un refuxio no punto quilométrico 24+240 da PO-400, xunto coa construción dunha zona de aparcadoiro entre os puntos quilométricos 1+250 e 1+300 da estrada PO-400A.

 

Tamén se mellorará a seguridade peonil no antigo trazado da PO-400 cun itinerario de 1,80 metros de ancho, incluído o bordo, e unha rígola de 0,30 metros entre a estrada e o dito bordo, na maioría do seu trazado.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

 

“O Goberno galego continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade nos desprazamentos tanto para os vehículos como para os peóns e, neste caso de Arbo, tratábase dunha actuación moi necesaria, solicitada polo Concello e polos veciños e á que facemos fronte cun investimento moi importante”, concluíu Luis López.

Imaxes relacionadas