O vicepresidente segundo da Xunta recibiu a 40 padexeiras e padexeiros no Complexo de Regatas de Verducido, en Pontevedra

A Xunta felicita os piragüistas galegos por colleitar 106 medallas a nivel internacional e por situar Galicia como unha referencia nacional e mundial neste deporte

Diego Calvo resalta a relevancia das súas estrelas internacionais e o alcance do deporte que máis galegos levou aos Xogos Olímpicos, que máis medallas olímpicas trouxo para Galicia e que sitúa a Comunidade como potencia nacional por ser a que ten máis licenzas e clubs
 

Anuncia a posta en marcha da Oficina de Atención ao Deportista co obxectivo de asesorar, orientar e apoiar os profesionais tanto na súa carreira deportiva como no seu futuro laboral
 

Pontevedra, 23 de decembro de 2022 

O vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, felicitou os piragüistas galegos por colleitar 106 medallas a nivel internacional e por situar a Galicia como unha referencia nacional e mundial neste deporte. Fíxoo perante 40 padexeiras e padexeiros aos que recibiu, acompañado polo secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, no Complexo de Regatas David Cal de Verducido.

O vicepresidente segundo da Xunta puxo en valor a relevancia do piragüismo en Galicia, que conta con estrelas de carácter internacional como David Cal -olímpico español máis laureado e que pon nome ao centro de Verducido-, Teresa Portela -a olímpica española con máis participacións- ou Adrián Mosquera -o primeiro padexeiro paralímpico da Comunidade-, e que é o deporte que máis galegos levou aos Xogos Olímpicos, que máis medallas olímpicas trouxo para Galicia e que sitúa a Comunidade como potencia nacional por ser a que ten máis licenzas e clubs.
 
Diego Calvo agradeceu ao conxunto de padexeiros galegos “as alegrías” que no 2022 deron a Galicia e amosouse seguro de que no 2023 haberá moitas máis. O vicepresidente segundo lembrou as circunstancias nas que se practicaba este deporte, tradicional no mar e nas rías galegas, cando Ramos Misioné acadou a primeira medalla olímpica para o piragüismo galego en Montreal 76, e subliñou que desde aquela odisea ata a acadada o ano pasado en Toquio por Carlos Arévalo e Rodrigo Germade as condicións mudaran, “moito e para mellor”.
 
En resposta a ese nivel e á entrega coa que os deportistas galegos practican piragüismo, a Xunta comprometeuse hai tempo cun deporte que tanto ten dado á Comunidade, e esa é unha das razóns polas que a práctica do piragüismo non só mellorou en condicións e infraestruturas, senón tamén en oportunidades para os mozos e mozas que se decantan por esta disciplina. Desde o ano 2009, a Federación Galega de Piragüismo leva recibido máis de 6 millóns de euros para a súa actividade e no 2023 volverá recibir unha inxección de máis de 530.000 euros, un récord histórico en achegas.
 
Polo nivel acadado en Galicia e pola atención que Galicia lle presta, o piragüismo é un deporte de récords na Comunidade que merecía dispoñer dun centro de excelencia como o de Verducido, no que adestran 56 deportistas; entre eles, as integrantes do equipo nacional de kaiak feminino. Forman parte dos 168 que adestran no propio Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD)  e nos seus centros satélite, como o de Verducido.
 
O Goberno galego mantén deste xeito o seu compromiso co deporte de alta competición e, nese senso, Diego Calvo anunciou a posta en marcha da Oficina de Atención ao Deportista na que confluirán equipos de psicólogos, expertos das universidades e técnicos da Xunta para asesorar, orientar e apoiar os profesionais tanto na súa carreira deportiva como no seu futuro laboral.
 

En lembranza de Keny

No acto cos piragüistas, Calvo quixo renderlle homenaxe a José Manuel Penas, máis coñecido como Keny, falecido hai unhas semanas cando navegaba na súa piragua polo río Lérez. O vicepresidente segundo da Xunta amosou o seu sentido pésame á familia, amigos e compañeiros deportistas.

Imaxes relacionadas