A Xunta aboará máis de 893.700 € aos colexios de avogados e procuradores da comunidade polos servizos de asistencia xurídica gratuíta

O DOG publica hoxe as ordes pola que se transfire o 8% do total certificado en 2021 entre os colexios profesionais de avogados e procuradores por este servizo

Ao Consello da Avogacía Galega destinaranse 814.826 euros en concepto de asistencia xurídica gratuíta deste ano e outros 78.907 ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para repartir entre os colexios que representan

O Goberno galego tamén publica hoxe os baremos das compensacións aos colexios de avogados e procuradores ata o terceiro trimestre de 2023 por prestar representación e defensa gratuíta

Santiago de Compostela, 23 de decembro de 2022

O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou hoxe as ordes que establecen as cantidades que se aboan ao Consello da Avogacía Galega e ao Consello Galego de Procuradores dos Tribunais de Galicia para atender os gastos de funcionamento e infraestrutura dos servizos de asistencia letrada ao detido e defensas gratuítas, de acordo co establecido na Lei 1/1996 do 10 de xaneiro.

 

Ambas ordes establecen que os colexios de avogados e procuradores percibirán a contía que resulte de aplicar o 8% ao custe económico xerado na liquidación anual de 2021 polas actuacións profesionais de asistencia xurídica gratuíta.

 

Atendendo a este texto legal, vaise transferir ao Consello da Avogacía de Galicia a cantidade de 814.826,85 euros, correspondente ao 8% do total certificado polas actuacións profesionais de asistencia xurídica gratuíta durante o ano 2021, mentres que ao Consello Galego dos Procuradores dos Tribunais de Galicia lle corresponden 78.907,04 euros. En total, máis de 893.700 euros entre ambas ordes.

 

O Diario Oficial de Galicia tamén publica hoxe a actualización dos baremos que establecen as compensacións económicas aos colexios de avogados e procuradores polas actuacións dos seus colexiados no ámbito da asistencia xurídica gratuíta durante o cuarto trimestre de 2022 e o primeiro, segundo e terceiro trimestre de 2023.

 

O Goberno galego vén introducindo nos últimos anos incrementos nas compensacións e melloras na xestión do servizo de asistencia xurídica gratuíta, fundamental para garantir a igualdade de condicións de toda a cidadanía no acceso á Xustiza. Así, en 2021 aumentáronse as compensacións económicas que perciben os profesionais da quenda de oficio, tras o aumento dun 15% de media nos baremos que perciben colexios de avogados e de procuradores da comunidade por atender este servizo.

 

Ademais, grazas ás medidas que se foron tomando, Galicia é unha comunidade que paga pronto e puntualmente as certificacións remitidas por estes entes colexiais. Desde 2010, o investimento da Xunta en asistencia xurídica gratuíta suma preto de 140 millóns de euros e en 2023 reservaranse preto de 14 millóns de euros nos orzamentos.