A directora xeral de Patrimonio Natural presidiu a reunión telemática deste organismo

A Xunta salienta a boa evolución da píllara das dunas tras contabilizar 104 novos exemplares en 2022, 38 máis que o ano anterior

A píllara das dunas está considerada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas e que conta co seu propio plan de conservación

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022

A Xunta puxo en valor a boa evolución da píllara das dunas (Charadrius alexandrinus L.) tras contabilizar 104 novos exemplares este ano, 38 máis que en 2021, segundo se informou na reunión do Observatorio Galego da Bioversidade.

 

Durante o encontro, no que participou por videoconferencia a directora xeral de Patrimonio Natural, Belén do Campo, analizouse o resultado do seguimento realizado durante a tempada 2022, no que se observaron un total de 80 parellas. A maiores, no que atinxe á protección dos niños, actuouse nun total de 90 niños -o 85% dos detectados- distribuídos en 19 praias. En 87 fixéronse parcelas de exclusión e en 3 colocouse un perímetro de protección.

 

Ademais da protección dos niños, continuouse coas labores de conservación ex situ a través da incubación no Centro de Recuperación da Fauna de Oleiros (A Coruña), unha actuación que deu como resultado 40 novos exemplares de píllara das dunas, que considerada como vulnerable no Catálogo galego de especies ameazadas e que conta co seu propio plan de conservación.

 

A maiores, a directora xeral, entre os temas abordados, tamén informou aos membros do Observatorio sobre a elaboración e os resultados do censo do lobo. Así, no que atinxe á metodoloxía empregada, Do Campo explicou que se realizaron itinerarios para a procura de indicios, estacións de escoita de grupos familiares e, puntualmente, empregáronse cámaras de fototrampeo.

 

Logo de agradecer o esforzo dos 141 axentes facultativos medioambientais e vixiantes de recursos naturais que colaboraron na realización deste estudo, a directora xeral lembrou que a distribución do lobo ocuparía unha superficie de case 27.000 quilómetros cadrados, o 91% da superficie do territorio galego.

 

Observatorio Galego da Biodiversidade

O Observatorio Galego da Biodiversidade constitúese e está regulado por decreto aprobado no ano 2007 como órgano consultivo de asesoramento e consulta en materia de conservación da diversidade biolóxica da comunidade.

 

Entre as súas funcións cómpre subliñar as destinadas a prestar apoio á Administración autonómica na análise e interpretación dos datos sobre o estado da biodiversidade en Galicia, a elaboración e seguimento dos seus principais indicadores e, en relación co Catálogo galego de especies ameazadas, informar sobre a catalogación, descatalogación e cambio de categoría de ameaza das especies de fauna e flora incluídas no mesmo, así como sobre os plans de xestión de especies catalogadas e o seu desenvolvemento.

 
Neste órgano consultivo participan, ademais de representantes da Administración galega, especialistas de recoñecido prestixio no estudo e na investigación de especies vertebradas, invertebradas, fanerógamas e criptógamas e de especies dos medios mariño, terrestre e doce-acuícola, así como representantes das tres universidades galegas e asociacións que teñen entre os seus fins a conservación da biodiversidade en Galicia.

Imaxes relacionadas