A Xunta destaca o traballo de Aspace Lugo para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, salientaron que a Consellería de Política Social e Xuventude achegou case 58.000 euros en 2022 para apoiar o labor da asociación

Lugo, 22 de decembrode 2022.- O delegadoterritorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, e o director xeral de Persoas con Discapacidade, Fernando González Abeijón, eloxiaron hoxe o labor de Aspace Lugo para mellorar a calidade de vida das persoas con parálise cerebral e as súas familias.


No transcurso dunha visita á sede da asociación, ambos responsables autonómicos puxeron en valor a colaboración da Administración galega coa entidade para apoiar “o intenso traballo que desenvolve día a día” en beneficio das 35 persoas usuarias coas que conta actualmente, a maioría do propio concello de Lugo e o resto do Corgo, Antas de Ulla, Sarria e Portomarín.


De todos eles, 19 teñen entre 6 e 18 anos e os demais son persoas adultas. A través do colectivo reciben atención de profesionais especializados en traballo social, fisioterapia, terapia ocupacional e psicoloxía.


Arias e González Abeijón precisaron que o apoio da Consellería de Política Social e Xuventude con Aspace Lugo concretouse en 2022 coa achega de 51.000 euros para colaborar cos gastos de tres programas: de atención a familias, de integración social e de axudas técnicas.


Ademais, a Consellería vén de financiar cun orzamento de 6.700 euros unha actuación no local da entidade para renovar o sistema de calefacción coa substitución da caldeira e a mellora da instalación.


Os dous representantes da Administración galega destacaron ademais que en 2023, a Xunta reforzará o seu compromiso coa atención á discapacidade, á que se destinarán 165 millóns de euros no vindeiro exercicio, o maior orzamento da historia para este fin.

Imaxes relacionadas