A Xunta inviste 31,5 M€ para que os nenos nacidos no 2023 teñan acceso á tarxeta Benvida

Rueda resalta que máis de 92.500 familias galegas xa se beneficiaron desde 2016 desta axuda, cun orzamento acumulado de 196 M€, para atender os gastos que supón o nacemento dun fillo

Santiago de Compostela,  22 de decembro de 2022

  O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, salientou hoxe a aprobación no Consello da Xunta dun investimento de 31,5 millóns de euros para que as nenas e nenos nacidos no ano 2023 teñan acceso á tarxeta Benvida, unha axuda que -segundo precisou- “xa leva beneficiadas máis de 92.500 familias galegas” desde a súa creación en 2016 e “acada un orzamento acumulado de 196 millóns de euros, incluída esta nova convocatoria”.

Rueda enxalzou que con esta axuda xunto outras, como a gratuidade das escolas infantís, as Casas niño ou o Bono de Coidadeo, “Galicia se converteu nun referente no apoio ás familias”. En concreto, fixo especial referencia á tarxeta Benvida como unha “das máis importantes”, tanto polo número de persoas beneficiaras, como pola contía destinada.
 
O presidente da Xunta explicou que, con carácter xeral, a contía da axuda que reciben as familias a través deste programa é de 1.200 euros durante o primeiro ano de vida do fillo. Ademais, indiciu no feito de que esta cantidade se duplica no caso das familias numerosas e chega a incrementarsese un 25 % no caso daquelas que viven en concellos de menos de 5000 habitantes. Así mesmo, esta axuda pode estenderse ata os catro anos de vida do neno naqueles fogares especialmente vulnerables.
 
Rueda puxo en valor a estimación de que “oito de cada 10 familias galegas” están en condicións de recibir a tarxeta Benvida, coa que poderán atender os gastos que supón o nacemento dun fillo, como a compra de alimentos infantís, cueiros, roupa, berce e produtos de hixiene e farmacéuticos, entre outras necesidades.

Imaxes relacionadas