A Xunta acondiciona 370 hectáreas de superficie mediante rozas mecanizadas en montes do distrito forestal III Santiago-Meseta interior
O director xeral de Defensa do Monte supervisou esta mañá diversas obras de xestión de biomasa en pistas forestais do distrito III Santiago-Meseta interior
Neste distrito forestal tamén se están executando varios cortalumes e acondicionando os 140 puntos de carga de auga que emprega o persoal do distrito
Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, supervisou esta mañá en Lavacolla diversos traballos de xestión de biomasa en camiños forestais, realizados polos traballadores do distrito forestal III Santiago-Meseta interior.
Así, neste distrito forestal estanse xestionando un total de 370 hectáreas de superficie mediante rozas mecanizadas, das cales 130 xa están acondicionadas. A esta cifra súmase o mantemento estratéxico doutros 60 quilómetros de pistas forestais de forte pendente, mediante a limpeza de pasos de auga e desatascos puntuais de cunetas.
Tamén se están executando neste distrito forestal varios cortalumes, mediante traballos silvícolas, rozas manuais, podas e rareos. De feito, unhas 20 hectáreas están repartidas en puntos estratéxicos, das cales xa se xestionaron a metade. Por último, tamén se están acondicionando os 140 puntos de carga de auga que emprega o persoal do distrito, tanto artificiais como naturais, e que precisan dun mantemento continuo.