A Policía Autonómica comisa 63,5 quilos de centola en Marín

No marco dun dispositivo de control e rastrexo de produtos pesqueiros desenvolvido no porto de Aguete por axentes da UPA da sede de Pontevedra, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia

Marín (Pontevedra), 22 de decembro de 2022 Axentes da xefatura da Policía Autonómica en Pontevedra incautaron esta semana 63,5 quilos de centola no marco dun dispositivo de control e rastrexo de produtos pesqueiros desenvolvido no porto de Aguete, en Marín, en colaboración co Servizo de Gardacostas de Galicia.

Os policías detectaron unha embarcación da que se descargaban produtos pesqueiros e se introducían no interior dun vehículo. Ao inspeccionalo, localizaron no maleteiro catro cestos coas centolas e, dado que o condutor e patrón da embarcación carecía de documentación de transporte da mercadoría, procederon ao comiso.

Os axentes tamén levantaron acta de denuncia por diferentes infraccións á Lei de pesca de Galicia, como o exceso de peso de captura establecido para a embarcación, a descarga dos produtos pesqueiros nun porto non autorizado, e o transporte da mercadoría sen documento e nun vehículo non autorizado. Todas as centolas comisadas, ao estar vivas, foron devoltas ao mar da zona.

O operativo enmárcase no reforzo feito este ano pola Policía Autonómica no eido da loita contra o furtivismo, en colaboración coa Consellería do Mar. Así, medraron as inspeccións, os rexistros e as denuncias con respecto a 2021, co resultado dunha redución da actividade delitiva, e melloraron tanto a  profesionalización do persoal policial neste ámbito coma o coñecemento das prácticas das persoas dedicadas ao marisqueo ilegal.

O traballo da Policía Autonómica coa Consellería do Mar céntrase en dispositivos dirixidos a impedir a actuación dos furtivos, tanto na actividade extractiva como na venda, transporte e distribución do produto, sen as debidas garantías sanitarias. Trátase así de protexer as concesións marisqueiras e a actividade dos profesionais que as traballan legalmente.

Imaxes relacionadas