A Xunta convoca para xaneiro e marzo os actos expropiatorios para executar as obras que completan a mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas

A Xunta destinará máis de 1 M€ a esta actuación na vía entre Laxoso e o cruce do Portasouto, incluíndo a mellora dos itinerarios peonís, da calzada e dos seus elementos para reforzar a seguridade viaria

O levantamento de actas previas fíxase para o 25 e 26 de xaneiro no salón de plenos do Concello e a formalización das actas de ocupación para o 28 e o 29 de marzo

Procederase á corrección do trazado e ampliarase a calzada ata os 7 metros de ancho, ademais de mellorar as interseccións dos viarios públicos coa estrada autonómica

Esta nova intervención da Xunta completará o acondicionamento desta vía que une os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, en Cerdedo-Cotobade, estando xa executadas dúas fases anteriores cun investimento autonómico de preto de 1,25 M€

A Xunta segue traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022.-

A Xunta publicou hoxe no Boletín Oficial da Provincia de Pontevedra a convocatoria, para xaneiro e marzo, dos actos expropiatorios para executar as obras de acondicionamento da estrada autonómica PO-234 entre Laxoso e o cruce do Portasouto, no concello de Ponte Caldelas.

 Esta nova intervención da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, que suporá un investimento de máis de 1 M€, completará as actuacións de mellora da PO-234 entre Cerdedo-Cotobade e Ponte Caldelas, incluíndo as obras a mellora puntual do trazado, a ampliación da calzada e a mellora das interseccións das vías públicas coa estrada autonómica.
 

Os actos para o levantamento de actas previas á ocupación terán lugar os días 25 e 26 de xaneiro de 2023, entre as 09:00 e as 13:45 horas, no salón de plenos do Concello de Ponte Caldelas. A formalización das actas de ocupación levarase a cabo no mesmo lugar e idéntico horario os días 28 e 29 de marzo de 2023.

 

A intervención proxectada polo departamento de Infraestruturas da Xunta céntrase no tramo de preto de 1,6 km da PO-234, entre os puntos quilométricos 2+580 e 4+150 e conta cun prazo de execución de oito meses.

Máis en detalle, as actuacións comezarán polos traballos de mellora puntual do trazado e a ampliación da calzada ata os 7 metros de ancho, acadándose 2 carrís de 3 metros e 2 beiravías de 0,50 metros, co obxecto de mellorar a seguridade viaria.

 Tamén se intervirá nas interseccións e executaranse cunetas de seguridade e melloras da drenaxe transversal e lonxitudinal da vía. Ademais reporase a sinalización horizontal e vertical e as barreiras de seguridade flexibles.
 Con esta actuación a Xunta completará o acondicionamento desta estrada autonómica que conecta os núcleos de Ponte Caldelas e Aguasantas, no municipio de Cerdedo-Cotobade, cuxas dúas primeiras fases foron xa executadas e supuxeron un investimento autonómico de preto de 1,25 M€.
 

A execución da mellora desta vía dividiuse en tres fases. Xa está a disposición dos veciños o tramo mellorado entre o cruce do Portasouto e Aguasantas e tamén está acondicionado o treito entre Ponte Caldelas e Laxoso.

 A Xunta continúa traballando no mantemento e mellora da rede viaria autonómica co fin de reforzar a seguridade e a comodidade dos usuarios