A Xunta licita por 345.000 euros a obra de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, no concello de Valga

Esta actuación, cun prazo de execución de 3 meses, ten como obxectivo minimizar o risco de inundación nesta zona onde a presión sobre a canle se ve aumentada con edificacións e áreas de cultivo que deixan pouco espazo ao río

Realizarase un encanamento de aproximadamente 800 metros do río Louro, desde 50 metros augas arriba da estrutura baixo a PO-548 ata a obra de fábrica existente baixo a liña do ferrocarril, incluído un tramo de aproximadamente 50 metros augas abaixo

Esta intervención engádese ás previstas no río Valga para a mellora do espazo fluvial entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa e para a protección da súa marxe dereita

Todas as obras están incluídas no convenio asinado entre o Concello e a Xunta, que financia, contrata e executa os traballos cun investimento de 1,25 M€

As empresas interesadas en executar este proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de xaneiro

A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas consecuencias

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 344.593 euros a obra de mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada PO-548 e a liña do ferrocarril, no concello de Valga.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe a licitación destas obras necesarias para minimizar o risco de inundación nesta zona onde a presión sobre a canle aumenta polas edificacións e as áreas de cultivo das inmediacións, que deixan pouco espazo ao río para desenvolverse.

 

As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 24 de xaneiro de 2023.

Esta nova licitación da Xunta forma parte das actuación proxectadas no municipio de Valga e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar.

 

Trátase das obras para minimizar o risco de asolagamento nos ríos Louro e Valga, ao seu paso polo municipio pontevedrés, que suporán un investimento autonómico total de 1,25 M€. As actuacións proxectadas nesta área de risco potencial inclúen esta intervención no espazo fluvial do río Louro, a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; e a de protección da marxe dereita do río Valga, licitada este mesmo martes por case 220.000 euros.

 

Máis en detalle, a intervención obxecto do contrato licitado hoxe é a mellora da capacidade hidráulica da canle do río Louro e as obras consistente na realización dun encanamento de aproximadamente 800 metros do río, desde 50 metros augas arriba da estrutura baixo a estrada PO-548 ata a obra de fábrica existente baixo a liña do ferrocarril, incluído un tramo de aproximadamente 50 metros augas abaixo.

 

Estas actuacións teñen como fin a protección fronte ás inundacións e contan cun prazo de execución de 3 meses.

Colaboración co Concello

As actuacións desenvólvense a través dun convenio de colaboración entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Valga, no que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar as inundacións na zona urbana.

 

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume integramente a financiación do conxunto das actuacións e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

 

Pola súa banda, o Concello de Valga comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

 
A Xunta continúa traballando na colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.