Arias reúne a oito clubs deportivos da cidade de Lugo para coordinar o uso do pavillón dos institutos do centro

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explicou que a Xunta posibilitará os adestramentos asumindo os custos de limpeza e conserxería fóra do horario lectivo, ante a pasividade do Concello

Na xuntanza participaron responsables dos equipos directivos do IES Lucus Augusti e Ollos Grandes e de entidades como o Emevé, Estudiantes ou Sagrado Corazón, entre outros

Lugo, 22 de decembro de 2022.- O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, mantivo unha xuntanza con representantes de oito clubs deportivos da cidade para coordinar o uso do pavillón polideportivo dos institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes e explicarlles as últimas decisións adoptadas ao respecto.

Así, Arias indicou que a Xunta asumirá a contratación dos servizos de limpeza e conserxería fóra do horario lectivo para resolver os inconvenientes que provocaba aos clubs e aos centros educativos a situación actual. Ao respecto, lembrou que as entidades deportivas viñan utilizando o pavillón polas tardes ante a falta de instalacións deportivas municipais. “Por esta razón, propuxemos ao Concello de Lugo a sinatura do convenio marco da Federación Galega de Municipios e Provincias, pero levan sen afrontar a situación desde setembro do 2021 e por fin hai unhas semanas deixaron claro que non van ser parte da solución”, afirmou o delegado.

Na reunión participaron tamén a xefa territorial da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidades, María José Gómez; o director do IES Ollos Grandes, Francisco Javier Núñez; o secretario do IES Lucus Augusti, Bernardo Sánchez, e representantes das entidades implicadas: Emevé, Sagrado Corazón, Estudiantes, Franciscanos, Balonmán Lucus, Monstruíños, Gravity e Star Dance.

Os asistentes abordaron a distribución de horarios de utilización das pistas -mantendo o actual ata fin de curso- e a súa posible utilización tanto polas tardes como en períodos non lectivos.

Arias subliñou que a medida da Xunta achega tranquilidade a estes clubs, nos que adestran centos de rapaces e rapazas de Lugo e que carecen doutras infraestruturas axeitadas na cidade. Neste sentido, lembrou que o Goberno galego destinou máis de 275.000 euros a reformar o pavillón que comparten os institutos Lucus Augusti e Ollos Grandes.

Máis dun ano de dilación

A Xunta de Galicia decidiu asumir os custos de limpeza e conserxería derivados da actividade dos clubs ante a inoperancia do Concello de Lugo, que durante máis dun ano eludiu asinar o convenio proposto pese aos continuos requirimentos que lles fixo a Delegación Territorial, segundo recordou Javier Arias. “Finalmente, o pasado mes de novembro comunicaron que non ían asumir ningún gasto para axudar a manter esta actividade deportiva”.

Dado que o Concello tampouco lles proporciona infraestruturas nas que adestrar -concluíu Arias-, a Xunta tivo que actuar para arranxar un problema que provocaba incerteza aos clubs e non poucos trastornos aos centros educativos”.

Imaxes relacionadas