A Xunta solicita abordar coas organizacións sindicais e os letrados de administración de xustiza o novo modelo de oficinas xudiciais

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou onte por vía telemática no pleno da Conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as autonomías, na que se trataron os modelos de referencia destes organismos

Galicia rexeita a proposta do Goberno central porque non se adapta ás peculiaridades dos órganos xudiciais da comunidade e pola ambigüidade canto ao persoal, as funcións e a estrutura das novas oficinas
 

Santiago de Compostela, 22 de decembro de 2022.

O director xeral de Xustiza, José Tronchoni, participou onte por vía telemática no pleno da conferencia sectorial entre o Ministerio de Xustiza e as comunidades autónomas na que, entre outros asuntos, se abordaron os modelos de referencia das oficinas xudiciais e municipais.

 

Galicia rexeitou o novo sistema porque -como asegurou o director xeral de Xustiza- “non se adapta ás características dos órganos xudiciais da comunidade”, en particular ás oficinas de xustiza municipal -actuais xulgados de paz- debido á dificultade da  súa comarcalización na comunidade pola dispersión e o envellecemento da poboación. Destacou, na mesma liña, a falta de recoñecemento do persoal dos concellos que ata agora presta un servizo con eficacia nos xulgados de paz.

 

Lamentou que non se recollese ningunha das reclamacións efectuadas pola comunidade galega e que nin os letrados de Administración de Xustiza nin as organizacións sindicais teñan participado ata agora no debate sobre o cambio de modelo. Por iso, instou ao Goberno central a incluílos nas negociacións co obxectivo de acadar un acordo neste asunto co “máximo consenso”.

 

Nesta liña, engadiu que se trata dun tema relevante tendo en conta que suporá unha modificación do sistema actual de órganos unipersoais por tribunais de instancia e que prevé regular a transformación dos actuais xulgados de paz en oficinas de xustiza nos municipios.

 

De todas formas, a Xunta no pleno de onte votou en contra dos modelos de referencia propostos ao entender que é preciso agardar a aprobación da nova Lei de eficiencia organizativa, que precisamente aborda cuestións relacionadas con estes organismos. O Goberno galego considera que é preciso que finalice o proceso de tramitación da norma antes de retomar o debate sobre as novas oficinas xudiciais e municipais, xa que algunhas das emendas presentadas son contrarias aos novos modelos aprobados.

 

Por tanto, José Tronchoni apelou a contrastar os novos modelos de referencia tanto cos letrados de Administración de Xustiza como coas organizacións sindicais e avaliar as súas achegas, así como esperar á posible aprobación da Lei de eficiencia organizativa.

 

No plenario de onte da Conferencia Sectorial co Ministerio de Xustiza, a Xunta destacou a ambigüidade do Goberno central canto aos modelos de referencia das novas oficinas xudiciais porque non se aclara cal será a situación definitiva do seu persoal, as súas funcións ou a súa estrutura. O director xeral de Xustiza puxo como exemplos que non se detalla que persoal se encargará das gardas ou as especificidades dos xulgados de Violencia sobre a Muller. Así -sinalou- déixase todo aberto á negociación da relación dos postos de traballo (RPTS) coas organizacións sindicais.  

 

O director xeral de Xustiza advertiu que tampouco queda definido o encaixe dos rexistros civís e as oficinas de xustiza municipal coa oficina xudicial.