O libro ‘100 anos do Día de Galicia’ conmemora o centenario da institución da festividade do 25 de xullo

A obra da historiadora e técnica en Protocolo Gemma Rodríguez aborda desde varias perspectivas aspectos relativos a esta efeméride como a súa orixe, historia e evolución

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

O secretario xeral de Política Lingüística, Valentín García, participou este serán na presentación do volume 100 anos do Día de Galicia, da historiadora Gemma Rodríguez Alonso. No libro, que ve a luz con motivo do centenario da instauración deste día por parte das Irmandades da Fala, a autora investiga por primeira vez o proceso de construción identitaria a través dos actos que concirnen o Día de Galicia, considerado pola maioría dos historiadores símbolo nacional.

 

O representante da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades, destacou a “importancia de documentar a longa traxectoria dos nosos símbolos e efemérides para divulgalas e dalas a coñecer desde a perspectiva da nosa lingua e cultura”.

 

No acto, que acolleu o compostelán Pazo de San Roque, tamén interviñeron Belén Fortes, responsable de Guiverny, editorial que publica o volume, e Gemma Rodríguez Alonso, autora.

 

Centenario do Día de Galicia

A mediados do século XIX e durante o primeiro terzo do XX, os pais do Rexurdimento, os integrantes das Irmandades da Fala, os intelectuais da Xeración Nós e os exiliados republicanos galegos en América comezaron a construír e imaxinar un novo concepto de Galicia. Neste contexto, as Irmandades estableceron en 1919 que o Día de Galicia se celebraría, a partir do ano seguinte, cada 25 de xullo.

 

A efeméride adquiriu oficialidade coa publicación do Decreto do 1 de xaneiro de 1979 da Xunta de Galicia polo que se declara Día Nacional de Galicia o día 25 de xullo de cada ano.

 

100 anos do Día de Galicia aborda desde varias perspectivas aspectos relativos a esta festividade tales como a súa orixe, historia e evolución cunha detallada documentación dos actos institucionais realizados para celebrar esta data en Galicia. Dividido en dúas partes, realiza un percorrido histórico, respondendo a unha serie de cuestións relacionadas coa representación oficial da identidade galega. A primeira delas abrangue desde o ano 1919 ata o golpe militar de 1936, mentres que a segunda vai desde 1978 ata o 2020, centrándose nos diferentes actos de celebración do 25 de xullo, como a imposición das Medalla de Galicia, organizadas pola propia Xunta, ou a misa en memoria de Rosalía de Castro, promovida por distintas fundacións.

 

Gemma Rodríguez Alonso é licenciada en Historia Contemporánea, con grao en Protocolo e Organización de Eventos pola Universidad del Atlántico Medio. Desde hai 28 anos traballa como asesora técnica do Departamento de Protocolo da Xunta de Galicia. Ademais, participou na execución de numerosos actos da misa rosaliana e, desde 1993, nas edicións das Medallas de Galicia.