A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade interveu hoxe no Parlamento de Galicia
Ethel Vázquez salienta que mentres a Xunta conxela as peaxes, o Goberno de España imporá aos galegos unha nova suba do 4% na AP-9 e na AP-53
Vázquez Mourelle lamenta que o Executivo central non atendese a demanda de Galicia de evitar o incremento das peaxes estatais e se quede nun “remendo de última hora insuficiente”
Lembra que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 4,8M€ para conxelar e bonificar as peaxes das autoestradas autonómicas, que seguirán a ser das máis baixas de España
Denuncia que nun momento económico complicado, o Goberno de España renuncie a facer un esforzo e evitar calquera suba de tarifas nunhas autoestradas estatais que continuarán entre as máis caras do país
Destaca a improvisación do Executivo estatal, que continúa sen aclarar que vai pasar coas bonificacións dos carburantes e cos descontos dos autobuses urbanos e interurbanos
Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, salienta que mentres a Xunta conxela as peaxes, o Goberno de España imporá aos galegos unha nova suba do 4% nas autoestradas estatais AP-9 e AP-53.
A conselleira lamentou que o Executivo central decidise non atender a demanda social de Galicia, da Xunta e dos parlamentos autonómico e nacional, de evitar un novo incremento das peaxes estatais. Segundo dixo, as medidas coñecidas a día de hoxe quedan nun “remendo de última hora insuficiente”.
En resposta a unha pregunta parlamentaria, Ethel Vázquez remarcou que os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 4,8M€ para conxelar e bonificar as peaxes das autoestradas autonómicas, a que conecta A Coruña e Carballo (AG-55) e a do Val Miñor (AG-57).
Destacou que en 2023, coa conxelación das peaxes e o mantemento das bonificacións, as autoestradas de competencia da Xunta seguirán a ter as tarifas máis baixas de España. Precisou que de non ter adoptado medidas a tempo o 1 de xaneiro, estas peaxes teríanse incrementado un 7%.
Ethel Vázquez contrapuxo isto coa planificación da Xunta, que xa incluíu nos seus Orzamentos unha dotación de 3,5 M€ para garantir a viabilidade do servizo público de transporte de viaxeiros ante o incremento de gasto derivado do custo dos combustibles.
Estrada en San Vicente de Leira
Por outra parte, a conselleira tamén respondeu hoxe no Parlamento a unha pregunta sobre a estrada OU-0807 en San Vicente de Leira, no concello de Vilamartín de Valdeorras, unha vía de titularidade provincial ao formar parte da rede de estradas da Deputación de Ourense.
Sinalou que a Xunta está a seguir con atención as solucións nas que está a traballar a Deputación de Ourense, financiando un servizo de autotaxi que garante unha mellor mobilidade dos veciños.
Apuntou que a administración provincial tamén ten previsto actuar na vía de acceso a este núcleo, como se ten comprometido co Concello de Vilamartín de Valdeorras.