A Xunta presentará a vindeira semana o estudo sobre a delimitación de competencias no eido local elaborado pola Universidade de Santiago

Anunciouno o vicepresidente segundo da Xunta e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes hoxe no Parlamento, onde interveu nunha interpelación para abordar o financiamento das entidades locais

Diego Calvo incidiu na firme defensa da autonomía financeira por parte da Xunta e lembrou que os municipios recibirán o vindeiro ano 564,3M€ a través de diferentes liñas de axudas autonómicas

O Fondo de Cooperación Local medra un 17%, ata os 143,4M€, e porase en marcha unha nova medida de apoio ás accións de eficiencia enerxética dotada con 2,6M€
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

A Xunta presentará o vindeiro martes o estudo sobre a delimitación de competencias no eido local elaborado por expertos en administración local da Universidade de Santiago de Compostela. Así o anunciou o vicepresidente segundo e conselleiro de Presidencia, Xustiza e Deportes, Diego Calvo, hoxe no Parlamento, onde interveu nunha interpelación para abordar o financiamento das entidades locais.

Segundo explicou Diego Calvo, a presentación farase nun acto público “ante quen máis interese ten na materia: todos os alcaldes e as alcaldesas de Galicia”, afirmou. O vicepresidente segundo referiuse ao estudo como “un traballo de todos” e incidiu no apoio da Xunta aos concellos.

Nesta liña, lembrou que o Goberno galego xa colabora en ámbitos de competencia municipal como o Servizo de Axuda ao Fogar, no que asume o 70% do custo, o mantemento dos centros educativos, en gastos como a limpeza, a calefacción ou o comedor, o abastecemento, a mobilidade, co transporte urbano de Ferrol e Pontevedra, ou as emerxencias, co apoio aos consorcios provinciais de bombeiros e as agrupacións de voluntarios de Protección Civil.

Diego Calvo incidiu na “firme defensa da autonomía financeira dos concellos” por parte da Xunta e destacou a achega de 564,3M€ do Goberno galego ás administracións locais a través das diferentes liñas de axudas existentes, o que representa un incremento do 15,5% respecto deste exercicio.

Nesta contía inclúese o Fondo de Cooperación Local (FCL) co que a Xunta lles garante ás entidades locais unha dotación nos orzamentos autonómicos e que ascende en 2023 a 143,4M€, un 17% por riba do deste ano. “Nestes momentos de incerteza económica, os concellos galegos saben que contan coma sempre coa Xunta a través desta iniciativa garantida por lei desde 2011 e cunha dotación mínima establecida de 113M€ anuais, o que a fai única no Estado” apuntou o vicepresidente segundo.

Referiuse tamén á suba récord o vindeiro ano dun 135% da parte do fondo adicional, que suma 30,5M€ para os servizos de competencia municipal máis demandados polas administracións locais, como as emerxencias, a limpeza de faixas secundarias ou a mellora das redes de abastecemento.

Por outra banda, Diego Calvo destacou os máis de 20M€ que destina o seu departamento nas contas de 2023 ao eido local. Neste marco de acción consolídanse medidas como a Orde de infraestruturas de uso público para a mellora de instalacións municipais, dotada con 3,5M€, o Fondo de Compensación Ambiental (FCA), con máis de 11M€ destinados a actuacións ambientais, e o Plan específico de acción comunitaria, que disporá de 3M€ para apoiar melloras nas instalacións de asociacións de veciños, de mulleres rurais e comunidades de usuarios de auga.

Nova medida de apoio

A elas súmase o vindeiro ano a nova liña de axudas para apoiar accións de eficiencia enerxética nas instalacións municipais, dotada con 2,6M€ e que estará cofinanciada con fondos FEDER. O obxectivo é conseguir concellos climáticamente neutros mediante a modernización das infraestruturas, a descarbonización e a procura de alternativas ás enerxías fósiles.

Para o vicepresidente segundo, todas estas medidas poñen de manifesto o labor da Xunta a prol da autonomía local en todas as súas vertentes. “O Goberno galego traballa día a día para paliar as insuficiencias financeiras e competenciais dentro da marxe que lle corresponde conforme ao sistema constitucional de distribución de competencias”, engadiu.

Imaxes relacionadas