Inicia a fase de supervisión do proxecto de trazado co obxectivo de sometelo a información pública no mes de xaneiro

A Xunta executará un aparcadoiro disuasorio con 148 prazas na avenida de Breogán de Lugo mediante un investimento de máis de 1 M€

Situarase nas proximidades dos accesos á N-6 e á N-540 e tamén ao Barrio da Residencia, onde a Xunta está acometendo unha transformación integral

Habilitaranse 5 prazas para persoas con mobilidade reducida e 5 prazas para a recarga de vehículos eléctricos

O aparcadoiro terá acceso ao norte desde a rúa Barrio Casas e ao sur, con entrada e saída á avenida Breogán

Internamente disporá de tres vías de sentido único, unha principal, unha perimetral e un central, con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de aparcamento

A intervención inclúe a renaturalización dunha canle que discorre parcialmente entubada pola parcela, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, iluminación, videovixilancia e integración paisaxística

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022 A Xunta vai acometer a construción dun aparcadoiro disuasorio con 148 prazas na avenida Breogán de Lugo mediante un investimento de máis de 1 M€. O obxectivo é fomentar o uso do vehículo compartido e reducir as emisións na cidade.

 

A Xunta xa dispón do proxecto desta nova infraestrutura, que está agora en fase de supervisión para poder aprobalo de forma provisional e sometelo a información pública, a efectos expropiatorios e da Lei 18/ 2021 no referido a infraestruturas de fomento da mobilidade sostible, no mes xaneiro.

 

O novo aparcadoiro asociado á avenida de Breogán de Lugo deséñase no interior do tecido urbano da cidade, próximo ao enlace entre as estradas nacionais N-6 e N-540 e tamén ao Barrio da Residencia, onde a Xunta está a acometer unha transformación integral, con novos equipamentos públicos como o Centro Integral de Saúde, que estará finalizado nos primeiros meses de 2023.

 

O aparcadoiro, cunha superficie de 4.430 m², disporá de 148 prazas, con 4 para persoas con mobilidade reducida e 5 de recarga para vehículos eléctricos.

Disporá dun dobre acceso: un ao norte, á rúa Barrio Casas, pensado para mellorar a accesibilidade ao aparcadoiro e asociado aos tráficos de orixe-destino ao interior da ciudade de Lugo, e máis concretamente ás súas zonas norte e este; e outro ao sur, con entrada e saída na avenida de Breogán, pensado como acceso principal e asociado a tráficos con orixe ou destino fóra da cidade, que empregarán o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade.

 

A nivel interno, o aparcadoiro disporá de tres eixes viarios, unidireccionais, con carrís de 6 metros para a facilitar as manobras nas prazas de aparcamento: un eixe principal que atravesa o aparcadoiro, de aproximadamente 70 metros de lonxitude; un eixe perimetral, que comezará na entrada desde a avenida de Breogán e que circulará pola beira do aparcadoiro ata a saída do mesmo á rúa Barrio Casas, con posibilidade de cambio de sentido previo a encarar a saída; e un eixe central, que conectará o eixe perimetral e o principal no punto medio de ambos os eixes.

O proxecto prevé tamén a renaturalización da canle que actualmente discorre parcialmente entubada pola parcela; a reconfiguración da rúa Barrio Casas para dotala dunhas condicións axeitadas en canto a sección transversal; iluminación; sistema de videovixilancia; e a disposición de vexetación e arborado, para unha mellor integración paisaxística e dotación de sombra no aparcadoiro.

 

O Goberno galego segue a traballar a favor da mobilidade sostible, impulsando a dotación de aparcadoiros disuasorios en zonas próximas ás principais vías de entradas ás cidades de Galicia e conectados coa rede de servizos de transporte público colectivo, con itinerarios peonís e ciclistas. En conxunto, a Xunta ten previsto habilitar un total de 1.500 prazas de aparcadoiros disuasorios.

 
Estas intervencións enmárcase nos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos Next Generation para fomentar a mobilidade sustentable nas cidades e vilas galegas, aos que destinará o vindeiro ano un investimento de 12,4 M€.

Imaxes relacionadas