O conselleiro do Medio Rural respondeu dúas preguntas sobre esta cuestión no pleno do Parlamento

A Xunta promoverá a modificación do Plan estratéxico da PAC para dedicar máis fondos a apoiar a produción ecolóxica os vindeiros anos

José González explicou que o Goberno galego estuda esta posibilidade porque é consciente do crecemento “exponencial” rexistrado neste sector nos últimos tempos e, de maneira sorprendente, no último ano
 

Advertiu que na última década a superficie inscrita en Galicia polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) “rachou todas as expectativas” e aumentou un 127%, ata superar as 45.500 hectáreas no primeiro semestre de 2022
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022

  A Xunta promoverá a modificación do Plan Estratéxico da PAC (PEPAC) para dedicar os vindeiros anos máis fondos a apoiar a produción ecolóxica. O Goberno galego está a estudar esta posibilidade porque é consciente do crecemento “exponencial” rexistrado neste sector nos últimos tempos e, de maneira sorprendente, no último ano. Así o sinalou hoxe o conselleiro do Medio Rural, José González, en resposta a dúas preguntas sobre a cuestión no pleno do Parlamento.

O conselleiro advertiu que na última década a superficie inscrita en Galicia polo Consello Regulador de Agricultura Ecolóxica de Galicia (Craega) “rachou todas as expectativas” e aumentou un 127%, ata superar as 45.500 hectáreas no primeiro semestre de 2022. Ademais, José González lembrou que esa superficie medrou no último ano por riba do 40%, unha variación que -trasladou- se afasta moito de calquera proxección que se puidera facer ao respecto. Así, as superficies en ecolóxico pasaron de incrementarse de media anual en menos de 2.000 hectáreas nos últimos seis anos -sendo a suba de apenas 150 hectáreas no 2021- a medrar ata 13.000 hectáreas entre 2021 e 2022. Un crecemento que González cualificou como “exponencial” e que -remarcou- ninguén podía prever.
 
Por iso, o conselleiro concluíu en primeiro lugar que estamos ante un crecemento salientable que consolida de forma determinante a produción ecolóxica na nosa comunidade. En segundo termo, puxo en valor o compromiso da Xunta con este sector desde hai 25 anos -os que vén de cumprir o Craega- e máis concretamente desde hai unha década. Unha aposta que, salientou González, posibilitou que a agricultura ecolóxica se convertese nunha opción viable e nunha preferencia nos gustos dos consumidores.
 

Incremento dos fondos

Todo isto fixo que, segundo aclarou o conselleiro, de cara ao PEPAC, no vindeiro ano xa se incrementaran os fondos para agricultura ecolóxica en preto dun 23%, ata chegar aos 3,9 millóns de euros, e vanse seguir incrementando, co fin de asegurar que esta tendencia vaia acompañada dun volume de fondos que permita que a evolución da agricultura en ecolóxico sexa a de continuar medrando.

Ao tempo, o titular de Medio Rural destacou que o aumento de fondos para esta liña de axudas rexistrouse tamén no presente 2022 nun 59% máis con respecto á convocatoria anterior, pasando así de 2 a 3,18 millóns de euros, co fin de atender as solicitudes mellor valoradas polos criterios establecidos. Así, este foi o incremento porcentualmente máis grande dentro das axudas da PAC para esta anualidade. En segundo lugar, o segundo aumento máis considerable foi para as axudas para as zonas con limitacións naturais en montaña, cun medre de case o 38%, pasando de 9,1 a 12,5 millóns de euros. E o terceiro incremento máis notable foi o dedicado a xestión de pastos, cun 29% de suba (de 8 a 10,3 millóns de euros).
 

Todo isto, remarcou González, corresponde ás axudas do segundo piar da PAC (desenvolvemento rural), que incrementaron a súa contía global de 31 a preto de 40 millóns de euros no último ano, pero ademais todos os agricultores e gandeiros galegos con dereitos -tamén os que traballan en ecolóxico- van percibir as axudas directas do primeiro piar.

A maiores, José González explicou que estes incrementos fixéronse en virtude de ata seis modificacións do Programa de Desenvolvemento Rural (PDR) de Galicia, uns procedementos nos que -remarcou- estiveron presentes e tiveron voz as organizacións profesionais agrarias. Neste sentido, o conselleiro mesmo recordou que estas organizacións que representan ao sector manifestaron a súa conformidade co mantemento ou ampliación de fondos para diferentes liñas de axudas, entre elas as dedicadas á conversión e mantemento da agricultura ecolóxica.
 
Por todo o dito, o conselleiro insistiu en que a Xunta puxo enriba da mesa a posibilidade de modificar o PEPAC para dedicar máis fondos no futuro a esta materia, se fose preciso, e sen esquecer que estas achegas son compatibles coas do primeiro piar da PAC (axudas directas) e coa liña para razas autóctonas do segundo piar (desenvolvemento rural). A pretensión, segundo afirmou González, é a de beneficiar a cantas máis persoas dedicadas á produción ecolóxica como sexa posible.
 
Por último, nesta mesma liña, o conselleiro anunciou que na vindeira reunión do Consello Agrario Galego, que se convocará en xaneiro, abordaranse entre outros asuntos estas melloras nas dotacións das axudas da PAC, en beneficio da agricultura ecolóxica.
 

Imaxes relacionadas