A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a apertura das instalacións, nas que falta por acometer pequenos remates da obra

A Xunta pon en servizo o aparcadoiro ampliado do Hospital Teresa Herrera da Coruña tras un investimento autonómico de 336.000 euros

Favorécese a mobilidade na zona e facilítase o estacionamento das persoas que cada día se achegan para recibir asistencia sanitaria, tras incrementarse o espazo e habilitar unha vía perimetral para a circulación en anel bordeando o aparcadoiro

Habilitáronse 15 prazas de aparcadoiro na zona dos antigos depósitos de augas residuais, aproveitando e poñendo en valor a zona dunha infraestrutura que estaba en desuso; e 16 na explanada que xa viña funcionando como aparcadoiro

Estas 31 prazas engádense ás 53 habilitadas nunha actuación anterior, sumando 84 prazas entre as dúas intervencións

Tamén se executou un viario perimetral que permitirá a circulación en forma de anel, bordeando estes novos espazos e conectando co camiño de Xubias de Abaixo

Na parte máis próxima ao hospital, modificouse un dos accesos, reformando a intersección e creando unha miniglorieta para mellorar a ordenación do tráfico

A Coruña, 22 de decembro de 2022 A Xunta puxo en servizo hoxe o aparcadoiro ampliado do Hospital Teresa Herrera da Coruña, tras destinar un investimento autonómico de 336.000 euros.

 

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, supervisou hoxe a posta en servizo provisional do aparcadoiro, no que restan pequenos remates da obra. Con estas obras, favorécese a mobilidade en toda a contorna do hospital e facilítase o estacionamento das persoas que cada día se achegan para recibir asistencia sanitaria.

 

Estes traballos, que comezaron no verán deste ano, permitiron incrementar o espazo destinado a estacionamento e habilitar unha vía perimetral para favorecer a circulación en anel bordeando este aparcadoiro.

 

Máis en detalle, actuouse sobre unha superficie de 1800 m², na parte traseira do Materno-Infantil, onde estaban os antigos depósitos e balsas de augas residuais.

 

Así, nesta contorna, procedeuse a habilitar 2 zonas de aparcadoiro, creando 15 prazas nesa zona de balsas e de antigos depósitos, aproveitando e poñendo en valor o espazo dunha infraestrutura que estaba en desuso; e 16 na explanada que xa se viña empregando como aparcadoiro.

 

Estas 31 prazas de aparcadoiro súmanse ás 53 xa habilitadas nunha actuación anterior, 84 prazas en total, entre as dúas actuacións levadas a cabo pola Xunta.

 

Nesta intervención, tamén se executou un viario perimetral que permitirá a circulación en forma de anel, bordeando estes novos espazos e conectando co camiño de Xubias de Abaixo, ampliado na zona máis próxima á actuación.

 

Na parte máis próxima ao hospital, modificouse un dos actuais accesos, reformando a intersección e creando unha semiglorieta, co obxectivo de mellorar a ordenación do tráfico.

 
As obras, unha vez executada a rede de pluviais e parte da iluminación, completáronse coa pavimentación de formigón da superficie do aparcadoiro e sobre os viarios, quedando só por ultimar o aglomerado e pintura da miniglorieta do Materno-Infantil, que provisionalmente tipo New Jersey de plástico, e os remates de sinais verticais e pintura dos aparcadoiros.

Imaxes relacionadas