A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural participou nunha das mesas redondas do Foro Territorios Patrimonio que se celebra en Monforte de Lemos

A Xunta destaca a utilidade das aldeas modelo para a recuperación da terra agraria e para a loita contra o abandono e infrautilización do agro galego

Inés Santé puxo en valor o feito de que das 21 aldeas modelo existentes en Galicia, cinco pertencen á provincia de Lugo e dúas delas localízanse na Ribeira Sacra


Así, salientou que os núcleos de Bustelo de Fisteus, en Quiroga, e de Francos de Proendos, en Sober, permiten recuperar unhas 26 hectáreas de 108 propietarios
 

Monforte de Lemos (Lugo), 21 decembro de 2022 A directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural, Inés Santé, puxo hoxe en valor a importancia das aldeas modelo como ferramentas útiles da Lei de recuperación da terra agraria para a mobilización do territorio rural. Fíxoo durante a súa intervención, como relatora, nunha das mesas redondas que forman parte do Foro Territorios Patrimonio, que se celebra no Parador de Monforte de Lemos.

 

Neste evento, Inés Santé trasladou que das 21 aldeas modelo actualmente aprobadas en Galicia, cinco pertencen á provincia de Lugo. Trátase das de Trascastro (O Incio), Parada dos Montes (A Pobra do Brollón), Moreda (Folgoso do Courel), Bustelo de Fisteus (Quiroga) e Francos de Proendos (Sober). E salientou que estas dúas últimas (as situadas nos municipios de Quiroga e Sober) encádranse precisamente na Ribeira Sacra, unha área xeográfica que centra os contidos desta edición do Foro Territorios Patrimonio.

 

Nesta liña, a directora xeral da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural puxo en valor que ambas aldeas modelo supoñen, en conxunto, a recuperación de preto de 26 hectáreas (unhas 13 ha cada unha, aproximadamente), distribuídas nun total de 388 parcelas (269 a de Quiroga e 119 a de Sober) de 108 propietarios, dos cales 38 corresponden a Bustelo de Fisteus e os 70 restantes a Francos de Proendos. No caso da aldea de Quiroga, está publicada a concorrencia competitiva (para a súa xestión) e pendente de resolverse. No que atinxe á de Sober, está a exposición pública o proxecto de ordenación produtiva.

 

Base territorial

Neste contexto, Inés Santé explicou que, por medio da devandita Lei de recuperación, a Xunta está a desenvolver diferentes actuacións co obxecto de mellorar a base territorial das explotacións agrícolas, gandeiras e forestais de Galicia. Esta norma é un texto concibido para combater o abandono ou infrautilización destes terreos e, entre as súas novidades, crea figuras pioneiras na recuperación de terras, como propias as aldeas modelo, os polígonos agroforestais ou as agrupacións de xestión conxunta, así como novas ferramentas para contribuír á ordenación do territorio rural.

 

Son ferramentas concibidas para poñer en valor o rural apoiando a actividade agraria co triplo obxectivo de crear actividade económica -factor fundamental á hora de combater o reto demográfico-, mellorar a resiliencia ao cambio climático mediante a prevención de incendios forestais e garantir a seguridade alimentaria, segundo detallou a responsable da Axencia Galega de Desenvolvemento Rural.

 

Neste sentido, Inés Santé puxo en valor que na actualidade son máis de 9.300 hectáreas de terreo as que están sendo obxecto de desenvolvemento dun instrumento de recuperación de terra agraria. Así, preto de 8.800 hectáreas corresponden a 21 polígonos agroforestais e 574 ha a 21 aldeas modelo. Os beneficiarios son uns 9.600 propietarios de máis de 35.000 parcelas.

Imaxes relacionadas