O programa ‘Xuntos polo Nadal’ da Xunta comeza mañá nas residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón

Ofrece estadías 100% gratuítas en réxime de pensión completa para as persoas maiores que non teñen con quen pasar estas datas

Esta primeira quenda durará ata o 29 de decembro mentres que a segunda quenda estenderase do 31 ao 7 de xaneiro

Ademais de asumir os custes de manutención en pensión completa e de transporte, ofrecerase un amplo programa de actividades con excursións e obradoiros
 

Santiago de Compostela, 21 de decembro de 2022.-

O programa Xuntos polo Nadal da Xunta de Galicia comeza este venres nas residencias de tempo libre do Carballiño e Panxón, en Nigrán. Esta iniciativa ofrece estadías 100% gratuítas, en réxime de pensión completa a persoas maiores que viven soas ou que non teñen con quen pasar estas datas. Esta primeira quenda estenderase ata o 29 de decembro.

 

A segunda quenda comezará o 22 de decembro e estenderase ata o 7 de xaneiro. Os participantes contarán cun amplo programa de actividades entre as que se atopan ximnasia activa, actuacións musicais, bingo, sesións de cine, obradoiros e excursións por zonas próximas ao centro.

 

As persoas beneficiarias deben ter máis de 60 anos, estar empadroado nalgún concello galego e vivir só no seu domicilio ou ter que pasar só as datas do Nadal. O programa permite unha estancia de oito días nunha destas dúas residencias, así como desprazamentos en autobús.