O conselleiro do Medio Rural participou en Verín na entrega de distincións aos novos membros da Confraría de Viños de Monterrei

A Xunta destinará máis de 4,4 M€ nos dous vindeiros anos a apoiar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas galegos

José González lembrou ademais que o seu departamento investirá preto de 5,5 millóns de euros na promoción como canle para fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, entre eles os vitivinícolas

A maiores, para protexer en particular as producións vitivinícolas, sinalou que se van reservar ata 1,5 millóns de euros en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas asociadas a denominacións de orixe

Verín (Ourense), 20 de decembro de 2022  A Xunta destinará máis de 4,4 millóns de euros en axudas para apoiar a elaboración e a comercialización de produtos vitivinícolas nos anos 2023 e 2024. Así o destacou hoxe en Verín o conselleiro do Medio Rural, José González, durante a súa intervención na entrega de distincións aos novos membros da Confraría dos Viños de Monterrei.

O conselleiro lembrou ademais que o seu departamento investirá preto de 5,5 millóns de euros na promoción como canle para fomentar o consumo dos produtos agroalimentarios galegos, entre eles os vitivinícolas. Este orzamento dedicarase, segundo explicou González, a intensificar a súa presenza en feiras, fomentar os ciclos curtos ou apoiar o labor de promoción dos consellos reguladores dos distintos selos.

A maiores, para protexer en particular as producións vitivinícolas, o conselleiro sinalou que se van reservar ata 1,5 millóns de euros en materia de seguros agrarios para explotacións vitícolas asociadas a denominacións de orixe. Un aporte que considerou especialmente relevante tendo en conta o aumento de fenómenos meteorolóxicos “extremos e extemporáneos” que se están a rexistrar.

Galicia Calidade Alimentaria

Neste sentido, José González puxo tamén en valor os 25 anos de historia da marca de identidade Galicia Calidade, á que proximamente se lle engadirá a sección específica Galicia Calidade Alimentaria, para englobar todos os produtos alimentarios con excelencia recoñecida. Seguindo esta liña, falou do viño galego como unha “forma marabillosa de compartir a sabedoría dun pobo a través das cores e os sabores” e que, para elaboralos, esixen “contar coa sabedoría da tradición, da experiencia e do bo saber secular”.

En relación coa vendima deste ano na denominación de orixe Monterrei, o conselleiro salientou que a colleita acadou unha cifra récord, con máis de seis millóns de quilos de uva recollidos. A maiores, o conselleiro trasladou que se está a avanzar na Estratexia de dinamización das comarcas vitivinícolas, co fin de consolidar Galicia como referente internacional de viños de calidade e como destino enoturístico.

Medidas normativas

No eido normativo, José González salientou que as bases da política rural da Xunta materializaranse na futura Lei de Calidade alimentaria, que promoverá, protexerá e defenderá os produtos de calidade galegos. Tamén o está facendo así a Lei de recuperación da terra agraria e, neste sentido, o conselleiro lembrou a importancia de seguir vinculando a xestión do territorio ás producións de calidade e adicionalmente á prevención. Para iso, destacou que a Lei de recuperación está a permitir a mobilización de máis de 9.300 hectáreas, ao abeiro dos seus diferentes instrumentos, como as aldeas modelo ou os polígonos agroforestais.

Imaxes relacionadas