A Xunta licita por máis de 290.000 euros a nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao Porto de Lorbé, no Concello de Oleiros

Mellorarase o acceso ao porto de Lorbé, desde a intersección coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario

As empresas interesadas en acometer as obras poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de xaneiro, sendo o obxectivo da Xunta comezar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 6 meses

Proponse unha mellora substancial do acceso coa ampliación do radio da curva actual, a adecuación da pendente, a ampliación da plataforma dotándoa de aparcadoiro, beirarrúas, alumeado e arboredo

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022

A  Consellería de Infraestruturas e Mobilidade licitou hoxe por 293.890 euros as obras de execución da nova mellora do acceso da Vía Ártabra ao porto do Lorbé, no concello de Oleiros.

 

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia recolle hoxe o inicio desta contratación, á que as empresas interesadas poderán presentar as súas ofertas ata o 16 de xaneiro.

 

Mediante este contrato mellorarase o acceso ao porto de Lorbé, desde a intersección coa estrada provincial CP-5802 ata a entrada ao recinto portuario. O obxectivo da Xunta é comezar os traballos na primavera, cun prazo de execución de 6 meses.

 

Con esta actuación búscase mellorar a plataforma e o trazado do tramo final da Vía Ártabra neste punto para dar un acceso axeitado ao porto de Lorbé.

 

Na intervención proponse unha mellora substancial do acceso en varios aspectos, comezando pola ampliación do radio da curva actual e a adecuación da pendente, mellorando o trazado e a visibilidade.

 

As obras deseñadas polo departamento de Infraestruturas da Xunta inclúen a ampliación da plataforma e a ordenación dos aparcadoiros ao longo da estrada, a dotación de beirarrúas, alumeado e arboredo na zona de actuación.

 

Ademais, executarase unha senda peonil para facilitar aos peóns o acceso aos seus vehículos aparcados.

 

Construirase tamén un muro de 1 metro de altura e 0,50 de ancho e de 42 metros de lonxitude.

 

A actuación leva aparellada as obras de drenaxe, coa colocación de 13 sumidoiros novos, e a limpeza de 69 metros de gabia.

 

Para acometer os traballos non é precisa expropiación algunha, xa que as obras están incluídas dentro da franxa de dominio público da estrada.

Cómpre lembrar que a Xunta abriu ao tráfico en abril de 2017 un novo acceso ao porto de Lorbé, a través da AC-526, destinado un investimento de máis de 1,6 M€. As expropiacións necesarias para a súa construción e as obras foron realizadas pola Consellería de Infraestruturas e Mobilidade como unha colaboración con Portos de Galicia, dependente da Consellería do Mar.