A Xunta desprega nove Polos Creativos en cinco institutos e catro colexios da cidade de Pontevedra para fomentar a innovación educativa

O delegado territorial, Luis López, visitou este mediodía o proxecto do CEIP de Parada-Campañó, un dos 225 polos que hai en Galicia e cuxo contido, neste caso, está centrado na seguridade viaria

Esta programación de innovación formativa tamén se celebra nos IES Xunqueira I e II, Sánchez Cantón, Frei Martín Sarmiento e Montecelo e nos colexios San Martiño, Froebel e Xunqueira 2, así como noutros oito centros de municipios da contorna

A Consellería de Educación impulsa con este programa a creación dun centro de actividades centrado na tecnoloxía e a creatividade grazas á dotación de robots, equipos audiovisuais, tabletas, material de traballo 3D e mobiliario específico

Pontevedra, 20 de decembro de 2022 A Xunta de Galicia, a través da Consellería de Cultura, Educación, Formación Profesional e Universidade, está a despregar, ao longo deste trimestre e para o que resta de curso, un total de nove Polos Creativos en cinco institutos e catro colexios públicos da cidade de Pontevedra para fomentar a innovación educativa.

 

O delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Luis López, acompañado polo xefe territorial de Educación, César Pérez, visitou este mediodía o polo do CEIP de Parada-Campañó, un dos 225 que hai en toda Galicia (218 en colexios e institutos e sete nos Centros de Formación do Profesorado das catro provincias) e cuxo contido, neste caso, está centrado na seguridade viaria, ao tratarse dun centro marcado pola proximidade dunha estrada cun elevado volume de tráfico.

 

“Galicia está a cabeza dos parámetros educativos de España, como sinala o informe PISA, por algo, polo gran traballo que estamos a facer todos e que sería imposible sen o forte investimento da Xunta que, con case 6.000 euros por alumno ao ano, a terceira cifra máis elevada das 17 comunidades españolas, permite implementar con todos estes fondos unha educación de calidade, moi ben deseñada e con programas tan innovadores como estes Polos Creativos, que xa triunfan en decenas de centros da provincia de Pontevedra cun orzamento de 3,7 millóns de euros ao longo deste ano”, sinalou o representante autonómico.

 

Luis López, que coñeceu o funcionamento e a gran participación dos 188 alumnos do CEIP de Parada-Campañó neste proxecto, desvelou que o programa de Polos Creativos posto en marcha pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades por primeira vez neste curso tivo unha gran acollida a cidade, xa que se implantaron nos institutos pontevedreses Xunqueira I e II, Sánchez Cantón, Montecelo e Frei Martín Sarmiento e nos colexios San Martiño, Froebel e Xunqueira 2, así como en outros oito centros de municipios da contorna como A Lama, Bueu, Cerdedo-Cotobade, Marín, Vilaboa e Ponte Caldelas.

Os Polos Creativos son espazos de innovación educativa nos que se traballan as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía e Matemática), a co-creación, a solución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Para ilo habilítase un espazo espazo físico específico, unha organización didáctica e a dotación de equipamento especializado para configurar, en cada colexio ou instituto, un centro de actividades que busca incrementar as competencias dixitais e científico-tecnolóxicas do alumnado.

En concreto, a Xunta de Galicia dota estes centros de robots, equipamento audiovisual de última xeración, tabletas, materiais para corte, escaneado e impresión 3D e mobiliario específico, o que favorece o desenvolvemento de proxectos que pretenden fomentar a creatividade, a superación de retos e problemas e o deseño de prototipos e actividades a través dunha aprendizaxe conxunta e colaborativa que inclúe prácticas e investigacións cun importante apoio das novas tecnoloxías.

 
No caso do CEIP de Parada-Campañó, o seu Polo Creativo está centrado nunha campaña de educación e seguridade viaria que contempla a creación dun carné magnético, a realización de podcasts informativos, un circuíto de educación viaria e o deseño de material de concienciación, entre outras iniciativas.

Imaxes relacionadas