A Xunta considera un orgullo que Eduardo Iglesias, primeiro piloto galego en encadear catro citas consecutivas do Dakar, sexa abandeirado do selo Galicia Calidade

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, reuníronse co deportista monfortino na Cidade da Cultura

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, e o secretario xeral para o Deporte, José Ramón Lete, mantiveron hoxe un encontro na Cidade da Cultura de Santiago de Compostela co piloto de motos monfortino Eduardo Iglesias, que será o primeiro galego en encadear catro citas consecutivas do Dakar.

 
Tal e como se salientou na xuntanza, é un orgullo que Eduardo Iglesias sexa abandeirado do selo Galicia Calidade reivindicando o talento do deporte e dos deportistas galegos. O apoio da Xunta, que se canaliza tamén a través da Secretaría Xeral para o Deporte, supón preto de 21.000 euros, contribuirá a promocionar Galicia nunha das probas máis duras e máis populares do mundo. O rally Dakar celebrarase en Arabia Saudí do 31 de decembro ao 15 de xaneiro, cun total de 14 etapas. O reto de Iglesias é chegar á meta e mellorar o resultado do pasado ano, cando acabou no posto 76.

Imaxes relacionadas