A Xunta adxudica por máis de 160.000 euros a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño
Acondicionarase unha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo
As obras, que favorecerán o intercambio de pasaxeiros, inclúen a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio para a resgardo dos viaxeiros das inclemencias meteorolóxicas
Os traballos enmárcase no convenio de colaboración asinado co Concello, polo que a Xunta achega integramente a financiación e executa a obra, e a entidade local pon á disposición os terreos e asume o mantemento e conservación da infraestrutura
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por 162.820 euros as obras para a execución dunha parada de autobús intermodal na estación de ferrocarril do Carballiño.
A Xunta prevé formalizar este contrato nos vindeiros días co fin de impulsar a instalación dunha parada exclusiva para as liñas interurbanas de autobús de uso regular na parcela situada na explanada frontal da estación de ferrocarril, localizada na avenida O Vinte e Cinco de Xullo, co obxecto de favorecer a intemodalidade entre os dous medios de transporte.
As obras, adxudicadas á empresa Obras y Viales de Galicia, S.L. comprenden os traballos necesarios para a posta en marcha da parada de autobús: a urbanización da zona, a reposición dos servizos afectados e o subministro e instalación do refuxio.
Na intervención inclúese a incorporación dunha zona axardinada, mobiliario urbano e unha marquesiña a ambos os lados, xerando así dúas zonas de parada: a primeira en dirección de acceso á vila sobre a propia avenida; e a segunda, na marxe oposta do núcleo da parada para os autobuses que saen do municipio. Ademais, o refuxio protexerá aos usuarios do transporte público das inclemencias meteorolóxicas.
Esta actuación da Xunta fortalecerá a comunicación entre a estación ferroviaria e o transporte interurbano por autobús no concello do Carballiño. Enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Xunta e o Concello, por importe de preto de 190.000 euros, nos que se inclúe a redacción do proxecto obxecto das obras licitadas hoxe.
Segundo o acordo asinado, a Xunta achegará integramente o financiamento para os traballos e executará as obras; mentres que a entidade local asume a posta á disposición dos terreos necesarios para a súa instalación e o mantemento e conservación da infraestrutura ao remate dos traballos.
A actuación é susceptible de ser financiada no marco do Eixe REACT-UE do programa operativo FEDER Galicia 2014-2020 como parte da resposta da Unión Europea á pandemia de covid-19.