A Xunta licita por preto de 220.000 euros as obras necesarias para minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga, no concello de Valga

A actuación, cun prazo de execución de 3 meses, ten como obxectivo evitar o asolagamento na zona urbana

Os traballos céntranse na zona na que conflúen o río e un rego innominado, nunha área recreativa xunto coa estrada N-550 que conta con praia fluvial, zona de merendeiros e instalacións de ocio

A intervención súmase á prevista de mellora do espazo fluvial do río Louro, entre a PO-548 e a liña de ferrocarril; e no espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa

Todas as obras están incluídas no convenio asinado entre e o Concello e a Xunta, que financia, contrata e executa os traballos, cun investimento de 1,25 M€

As empresas interesadas en executar este proxecto poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de xaneiro

A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida recuperación fronte ás súas consecuencias

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, licitou hoxe por 217.561 euros as obras necesarias para minimizar o risco de inundación na marxe dereita do río Valga, ao seu paso polo municipio pontevedrés de Valga.

A Plataforma de Contratos Públicos de Galicia publica hoxe a licitación destas obras. As empresas interesadas neste contrato poderán presentar as súas ofertas ata o vindeiro 20 de xaneiro de 2023.

 

Esta intervención enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de infraestruturas e Mobilidade e o Concello de Valga, no que se recolleron distintas actuacións necesarias para evitar as inundacións na zona urbana e que suporá un investimento autonómico global de 1,25 M€.

Trátase de intervencións estruturais para a mellora do espazo fluvial do río Louro entre a estrada autonómica PO-548 e a liña de ferrocarril; a mellora do espazo fluvial do río Valga entre a liña do ferrocarril e a rúa Devesa; e da protección da marxe dereita do río Valga ao seu paso polo municipio, obxecto das actuación que se licitan hoxe.

Segundo o citado convenio, a Xunta, a través de Augas de Galicia, asume a financiación do conxunto das actuacións e levará a cabo a contratación da execución, dirección e xestión das obras.

 

Pola súa banda, o Concello de Valga comprométese á posta a disposición dos terreos necesarios para o inicio dos traballos e á realización das xestións pertinentes para posibilitar a súa execución. Tamén asume a obriga de recibir as obras que pola súa natureza sexan susceptibles de tal recepción e a asumir o seu mantemento e conservación, coa utilización das instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

As actuacións están cofinanciadas con fondos Feder, no marco do programa operativo Feder Galicia 2014/2020.

 

Antecedentes e obras a executar

As intervencións obxecto do citado convenio buscan minimizar os asolagamentos nesta contorna e están recollidas no Plan de xestión específico realizado na área de risco potencial significativo de inundacións dos ríos Ulla e Sar.

 

No caso concreto das obras licitadas hoxe, trátase dunha zona na que conflúen o río Valga e un rego innominado que concorren nunha área recreativa xunto coa estrada N-550 e que conta con praia fluvial, zona de merendeiros e instalacións de ocio.

 

As vivendas situadas próximas ao parque pola marxe dereita da confluencia está a igual ou menor cota cas propias cotas das marxes do leito. Por este motivo, e dado que a estrada N-550 actúa como muro de contención ao estar elevada, no caso de desbordamento, estas vivendas resultan inundadas.

 

Na actualidade o río Valga está canalizado neste treito e presenta unha obra de drenaxe transversal que non é abonda para evacuar o caudal para o período de retorno dos 100 anos.

 

Os traballos a desenvolver baixo o contrato licitado hoxe responderá o proxecto redactado pola entidade hidráulica da Xunta co obxectivo de evitar a inundación da zona urbana e contan cun prazo de execución de 3 meses.

 

As actuacións proxectadas suporán a demolición do muro, entre a estrutura da N-550 e a pasarela existente sobre o rego innominado e da canle de acceso ao lavadoiro existente na marxe dereita do río Valga.

 

Na intervención inclúese, ademais, a construción dun muro de perpiaño de granito con lonxitude aproximada de 56 metros e a cota 29,95 metros, con núcleo de formigón en masa; e a construción, adosada ao muro, dunha nova canle de acceso ao lavadoiro.

 

Executarase unha pasarela de madeira de 3 metros de largo para o acceso á praia fluvial sobra a canle da marxe esquerda e escaleira de acceso á pasarela, instalándose unha varanda de madeira no borde da canle da marxe esquerda.

 

Tamén se acondicionará o leito da marxe esquerda mediante a limpeza, reperfilado e recubrimento de escollera de 50 centímetros, e procederase á retirada e substitución da pasarela de madeira existente por outra de características similares.

 

Nesta intervención adaptarase a comporta da canle da marxe dereita mediante o recrecido da mesma, incluíndo a substitución das guías e acoplamento de motor para conversión a eléctrica.

 

Finalmente, prevese a substitución de escaleiras metálicas por outras de aceiro inoxidable de maior lonxitude no muro da marxe dereita.

 

A Xunta segue apostando pola colaboración entre as administracións e axentes implicados para estar máis preparados fronte ao risco de inundacións e acadar unha máis rápida e mellor recuperación fronte ás súas posibles consecuencias.

 

Imaxes relacionadas