A Xunta asina co Concello de Noia o convenio para a mellora da estación depuradora de augas residuais, cun investimento autonómico de case 3 M€

A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, firmou este acordo de colaboración co alcalde de Noia, Santiago Freire

O Goberno galego prevé licitar as obras en próximas semanas para inicialas en 2023 cun prazo de execución de 13 meses, incluída a súa posta en marcha

Actuarase na depuradora co fin de resolver as deficiencias de funcionamento e de capacidade desta instalación municipal e mellorar o saneamento da ría de Noia

Os traballos inclúense no Plan de saneamento local e redundarán na mellora da calidade de vida dos veciños e no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo

Os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 1,95 M€ para a mellora da depuradora e 0,97 M€ en 2024 para completar a intervención

Nos últimos anos a Xunta leva investidos 4,7 M€ na mellora das infraestruturas hidráulicas do municipio, garantindo a calidade das augas da ría

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 A conselleira de Infraestruturas e Mobilidade, Ethel Vázquez, asinou co alcalde de Noia, Santiago Freire, o convenio de colaboración para executar a mellora da estación depuradora de augas residuais, cun investimento autonómico de 2.925.000 euros.

 

O Goberno galego prevé licitar as obras en vindeiras semanas, co obxectivo de comezar os traballos en 2023. A actuación conta cun prazo de 13 meses, dos que 10 se corresponden coa execución das obras e 3 para a posta en marcha das instalacións.

 

A Xunta asumirá integramente o financiamento desta actuación, que se enmarca no Plan de saneamento local de Noia e que redundará na mellora dos servizos e da calidade de vida dos veciños, no coidado do medio e no futuro da pesca, do marisqueo e do turismo.

 

Ademais, Augas de Galicia levará a cabo a contratación e execución das obras, así como a súa dirección e xestión ata completar a súa finalización.

 

Pola súa banda, o Concello de Noia asume as obras realizadas, así como a obriga da súa posta en servizo, a súa explotación e o seu mantemento e conservación, empregando as instalacións executadas de acordo coa finalidade prevista.

 
 

A intervención está cofinanciada pola Unión Europea no marco do programa operativo FEDER Galicia 2014/2020.

 

Actuacións

As actuacións proxectadas céntranse na reforma, transformación e modernización dos distintos elementos que compoñen a planta de tratamento de augas residuais municipal.

 

Instalarase unha nova reixa de grosos automática, previa ao bombeo de cabeceira, interceptando as conducións de entrada antes da reixa existente e deixándoa como by-pass, para o que se instalarán comportas para independizar cada unha das canles.

 

Tamén se instalará unha ponte desareadora desengraxadora que enviará as areas ao clasificador de areas e as graxas ao concentrador.

 

Disporase un novo equipo de produción de microburbulla para optimizar do proceso  do sistema de flotación por aire disolto para a optimización do proceso da auga a tratar.

 

Na reforma desta planta de tratamento de augas residuais inclúese, tamén, a instalación de novos equipos de dosificación de reactivos.

 

As actuacións prevén a renovación da metade da cuberta do edificio que queda por substituír e das baixantes de recollida de auga. Tamén se incluirá a instalación de sistema de ventilación para a renovación do aire do edificio.

 

Apoio aos concellos

A Xunta leva investido nos últimos anos 4,7 millóns de euros en actuacións de apoio ao Concello de Noia en materia de infraestruturas hidráulicas, destacando a execución da rede de colectores xerais ou a mellora da depuradora.

 
Os Orzamentos da Xunta de 2023 recollen unha partida de 1,95 M€ para a mellora da depuradora de Noia, cunha partida de 0,97 M€ en 2024 para completar a intervención.