O Teatro Principal de Ourense presenta a carteleira do primeiro semestre de 2023 coa colaboración da Xunta nas funcións da Rede Galega de Teatros e Auditorios

O director de Industrias Culturais, Jacobo Sutil, participou no anuncio desta nova oferta de artes escénicas e musicais, que inclúe a programación das montaxes Patriotas, Adictos e Unha inimiga do pobo a través do circuíto autonómico e do espectáculo do Centro Dramático Galego Un hotel de primeira sobre o río

Avanzou que está previsto que a Rede supere as 520 representacións entre os meses de xaneiro e xuño, nas que o Goberno galego e as entidades locais adheridas investirán preto de 1,8 millóns de euros
 

Ourense, 20 de decembro de 2022

O Teatro Principal de Ourense fixo pública hoxe a programación que desenvolverá durante o primeiro semestre de 2023, conformada por máis de 30 espectáculos de artes escénicas e musicais. A Xunta de Galicia mantén a súa colaboración co espazo da Deputación ourensá a través da Rede Galega de Teatros e Auditorios, circuíto cofinanciado pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e as arredor de 40 entidades locais asociadas, que desta volta presentará na cidade das Burgas as montaxes teatrais Patriotas, de Unahoramenos Producciones; Adictos, de Pentación, e Unha inimiga do pobo, de Talía Teatro.

 O director da Axencia Galega das Industrias Culturais, Jacobo Sutil, quen participou nesta presentación xunto a César Fernández Gil, vicepresidente da Deputación Provincial de Ourense, e Olga Mojón, directora do Teatro Principal, salientou o contrastado papel deste circuíto autonómico á hora de dotar de estabilidade o proceso de distribución da produción escénica galega. Neste sentido, adiantou que está previsto que a Rede Galega de Teatros e Auditorios supere as 500 funcións programadas de xaneiro a xuño nos escenarios adheridos, para o que se contará cun investimento conxunto superior aos 1,8 millóns de euros.
 

Vinte representacións na provincia

Na provincia de Ourense serán 20 as representacións dentro deste circuíto, do que tamén forman parte o Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, o Centro Cultural Avenida da Rúa e o Auditorio Municipal Manuel María do Carballiño. 

Ademais desta colaboración, o Centro Dramático Galego tamén forma parte da nova carteleira do Teatro Principal, onde estará o 16 de maio para representar Un hotel de primeira sobre o río, de Xohana Torres. A compañía da Xunta está a preparar esta montaxe, baixo a dirección artística de María Torres e Gonçalo Guerreiro, que suporá a primeira produción profesional deste texto da recoñecida escritora galega. 

En canto á programación da Rede Galega de Teatros e Auditorios, no Principal arrancará o 28 de xaneiro co espectáculo Patriotas, de Julio Salvatierra, con dirección de Mario Vega. A compañía canaria Unahoramenos Produciones presenta esta ficción sobre o auxe dos populismos, que interpretan Marta Viera e Saray Castro. 

Pola súa banda, Lola Herrera, Lola Baldrich e Ana Labordeta porán en escena o 26 de febreiro Adictos, que aborda a dependencia tecnolóxica da sociedade actual e reivindica a capacidade de reacción dos seres humanos. Magüi Mira dirixe esta proposta de Pentación a partir do texto de Daniel Dicenta Herrera. 

A compañía galega Talía Teatro chegará ao Teatro Principal ourensán o 25 de marzo coa súa adaptación da obra de Henrik Ibsen Unha inimiga do pobo, producida co apoio da Xunta a través das axudas á creación escénica de 2022. Tito Asorey dirixe esta montaxe, para a que conta coas interpretacións de Marta Lado, Toño Casais, Dani Trillo, Rubén Prieto, Marta Ríos, María Ordóñez, Diego Rey, Artur Trillo e Xurxo Barcala.