A Xunta adxudica por preto de 14,3 M€ as obras do centro integral de saúde Olimpia Valencia de Vigo

O novo centro unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se prestan na actualidade, como son os de Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia, beneficiando a 42.000 persoas

As obras teñen un prazo de execución de 18 meses e comezarán cando conclúa o traslado dos servizos e do persoal da Audiencia Provincial á Cidade da Xustiza

A actuación enmárcase no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que prevé a posta en marcha de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14, beneficiando ao 25% da poboación

A Xunta, desde o ano 2009, construíu ou reformou 100 centros de saúde aos que hai que engadir as obras en marcha nos CIS de Lugo e de Lalín, sumando un investimento autonómico de máis de 120 M€ en infraestruturas de atención primaria

Santiago de Compostela, 20 de decembro de 2022 A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade vén de adxudicar por preto de 14,3 millóns de euros as obras do novo centro integral de saúde (CIS) Olimpia Valencia de Vigo.

 

As actuacións, adxudicadas á UTE Ogmios Proyecto, S.L.-Vias y Construcciones,S.A., contan cun prazo de execución de 18 meses.

 

Os traballos consistirán na execución do novo centro de saúde, que ocupará o espazo do actual edificio da Audiencia Provincial, na rúa Lalín. O novo centro integral de saúde situarase nas proximidades da praza de América, entre os barrios das Travesas e Coia.

A Xunta iniciará as obras cando conclúa o traslado dos servizos e do persoal da Audiencia Provincial á Cidade da Xustiza de Vigo.

 

O novo Centro de Saúde Integral será unha oportunidade de mellora dos servizos sanitarios da cidade, unificará a atención sanitaria do barrio das Travesas e incrementará a carteira de servizos de atención primaria que se presta na actualidade. O futuro CIS beneficiará unha poboación de 42.000 persoas.

 

O obxectivo é substituír o centro de saúde de López Mora, que está obsoleto. Ademais, permitirá completar a carteira de servizos de atención primaria e dotar esa zona daquelas prestacións que, a día de hoxe, non están dispoñibles en ningún dos seus centros de saúde, como Fisioterapia, Odontoloxía e Farmacia.

 
 

Obras

Remodelarase a distribución interior do edificio, xa que está adaptada ao uso xudicial. As súas fachadas tamén serán renovadas, porque non se adaptan ás necesidades de iluminación natural requiridas para crear espazos sanitarios de calidade.

 

As instalacións, con 7.619 m² construídos, albergarán servizo de urxencias, unha área asistencial con 20 consultas de medicina xeral, 20 de enfermería, 8 de pediatría, 8 de enfermaría pediátrica, 2 de odontoloxía e áreas da muller, de rehabilitación, de telemedicina, de administración e a base do 061.

 

Trátase dun edificio funcional e acolledor, cunha envolvente que garante a posibilidade de que a maioría dos postos de traballo e estancia de pacientes dispoñan de luz natural e contacto co exterior.

 

Distribución

No soto situarase unha base para o 061, cun funcionamento autónomo con respecto ao centro de saúde; tamén as instalacións do edificio, vestiarios e unha zona de carga e descarga e subministros.

 

Na planta 0 estará a recepción, así como as urxencias, con dúas salas polivalentes e unha de observación. Neste andar situarase tamén a área de traballo social e a de rehabilitación, que contará con 2 consultas de fisioterapia, ximnasio e 6 cabinas.

 

O primeiro andar dedicarase a área integral de atención pediátrica, de modo que se minimicen os percorridos dos cativos polo edificio.

 

O segundo e o terceiro andar contarán con consultas de medicina e de enfermaría; e o cuarto combina unha zona de consultas de medicina e enfermería cun espazo central dedicado a farmacia e odontoloxía. Na parte oeste concéntrase a área de atención á muller, cunha aula de preparación ao parto e dúas consultas de matronas.

 

O quinto andar disporá de salas de docencia, espazos de telemedicina, despachos de administración e a sala de xuntas.

 

Plan de Infraestruturas Sanitarias

O centro integral de saúde Olimpia Valencia enmárcase no Plan de Infraestruturas Sanitarias de Atención Primaria, que prevé a posta en marcha nos vindeiros anos de 37 novos centros de saúde e a ampliación e reforma doutros 14. Estas 51 actuacións están divididas en tres fases que benefician ao 25% da poboación galega –650.000 usuarios-, cunha planificación que segue criterios técnicos e asistenciais como: a antigüidade dos centros, o seu estado de conservación ou as carencias funcionais e operativas.

 
Desde o ano 2009, a Xunta de Galicia construíu ou reformou un total de 100 centros de saúde, sumados aos CIS de Lugo e de Lalín, que están en execución. En total, a Administración autonómica investiu, nestes 12 anos, máis de 120 millóns de euros en infraestruturas sanitarias de atención primaria.

Imaxes relacionadas