A Xunta detecta un novo caso de gripe aviaria nunha gaivota localizada no concello de Vigo

O novo caso positivo foi trasladado ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre situado en Carballedo, situado no concello de Cerdedo-Cotobade

A detección realizouse no marco do Plan de vixilancia da influenza aviaria que desenvolve o Goberno galego
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

A Consellería do Medio Rural vén de comunicar ao Ministerio de Agricultura, Pesca e Alimentación (MAPA), a través da Rede de Alerta Sanitaria Veterinaria, a detección dun exemplar de gaivota afectada por influenza aviaria de alta patoxenicidade (IAAP), confirmado polo Laboratorio Central de Veterinaria de Algete (Madrid). A gaivota enferma foi localizada no concello de Vigo, a cal presentaba sintomatoloxía nerviosa e foi trasladada ao Centro de Recuperación de Fauna Silvestre de Carballedo, no municipio de Cerdedo-Cotobade. Alí foi mostrexada e posteriormente eutanasiada, coa posterior eliminación do cadáver de acordo aos procedementos de xestión autorizados. Con este novo foco son xa 25 o total de casos notificados en Galicia en aves silvestres. 

A nivel do Estado, continúan as notificacións de aves silvestres infectadas, tanto migratorias como residentes, e pertencentes a distintos hábitats e familias avícolas: anátidas como parrulos, cercetas ou gansos, aves de presa como falcóns ou miñatos e outras especies de distintas familias de aves como garzas, cegoñas pombas, voitres leonados, quebraosos ou gaivotas. 

A estes efectos, cómpre sinalar que durante o presente ano 2022, un total de 13 das 17 comunidades autónomas do Estado notificaron algún caso de gripe aviaria en aves silvestres das que o mascato continúa polo de agora a ser a especie de máis frecuente detección nos últimos meses, con casos notificados, ademais de en Galicia, nas Comunidades Autónomas do litoral cantábrico ou atlántico, como Asturias, Cantabria, País Vasco e Andalucía. 

Lémbrase de novo que o virus circulante non ten capacidade significativa de infección nas persoas, aínda que por un principio de bioseguridade básica, recoméndase non manipular aves atopadas enfermas ou mortas e notificar o feito aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda. 

A detección recente de gaivotas infectadas, aves máis ubicuas e de hábitos máis terrestres que os mascatos, supón un aumento no nivel de risco de aparición da enfermidade nas aves domésticas, polo que a Consellería do Medio Rural recorda a necesidade de reforzar as medidas de bioseguridade nas explotacións avícolas, de calquera tipo, comerciais ou particulares, especialmente aquelas destinadas a evitar o contacto con aves silvestres, así como de intensificar a vixilancia de calquera signo de enfermidade tanto en explotacións avícolas como en aves silvestres, notificando a sospeita aos servizos veterinarios oficiais da Consellería do Medio Rural ou á Consellería de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda.