A delegada da Xunta en Ferrol celebra a boa acollida que está a ter a exposición Ferrol no tempo que no primeiro mes recibiu a visita de preto de 3.000 persoas

Martina Aneiros destacou o programa de visitas guiadas que ata o momento achegou esta mostra da Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades e Afundación a 503 alumnos de centros da cidade e que continúa funcionando ata o 28 de xaneiro
 

A representante do Goberno galego lembrou que tamén se organizan visitas comentadas co comisario, Manuel Gago, e co coordinador local da exposición, Guillermo Llorca, que requiren inscrición previa
 

A exposición, unha das grandes citas culturais deste outono e inverno en Ferrol, mergulla aos visitantes nunha extraordinaria viaxe a través da historia naval, obreira e ilustrada desta cidade
 

Ferrol, 19 de decembro de 2022

A exposición Ferrol no tempo, promovida pola Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidade e Afundación recibiu 2.831 visitas durante o mes que leva aberta ao público. A delegada territorial da Xunta, Martina Aneiros, destacou a boa acollida que está a ter esta mostra que, antes de chegar ao seu ecuador, leva recibido unha media de 118 persoas ao día.

 

Comisariada por Manuel Gago, con Guillermo Llorca como coordinador local e apoiados por un sólido equipo de investigadores especializados en estudos sobre esta cidade, Ferrol no tempo exhibe unha escolla de 115 pezas, entre as que se atopan obras de arte, fotografías, mapas e documentos históricos, obxectos inzados de simbolismo, vídeos e instalacións interactivas, coa que se convida a explorar a identidade e legado da urbe.

 

A delegada territorial fixo balance ademais do programa de visitas didácticas que ten achegado esta mostra a 503 alumnos de centros educativos da cidade e que continúa funcionando. “Hai que recordar tamén que se organizan visitas comentadas co coordinador local da exposición, Guillermo Llorca”, lembrou Aneiros. Celébranse os mércores ás 12.00 horas e aínda hai posibilidade de inscribirse para as dos próximos días 21 de decembro e 11 e 25 de xaneiro no teléfono 981 330 280. Durante o Nadal, organízanse tamén dúas visitas comentadas co comisario, Manuel Gago, que terán lugar o martes 27 e o xoves 29 ás 18.30 horas, e que precisan tamén inscrición no mesmo número de teléfono.

 
 

A mostra, que se pode visitar de balde na sede de Afundación en Ferrol ata o 28 de xaneiro de 2023 -pecha os domingos e os festivos-, conta coa colaboración dunha decena de institucións, entre as que se contan arquivos e museos nacionais, como o Museo Naval de Madrid, o Arquivo Xeral de Simancas, Patrimonio Nacional, o Centro Xeográfico do Exército ou o Museo Nacional de Ciencia e Tecnoloxía, así como de institucións locais relevantes, como o Ateneo de Ferrol, o Museo Naval de Ferrol, a Diócese Mondoñedo-Ferrol ou a Fundación Hospital de la Caridad.

 

Ferrol no tempo é a segunda das exposicións que a Xunta de Galicia e Afundación organizan no marco do proxecto Cidades no tempo, unha proposta coa que se pretende reivindicar a dimensión urbana de Galicia a través da organización dun mostra en cada unha das sete principais cidades galegas.

 

Naval, obreira e ilustrada

A exposición percorre a través de varias seccións (Mitos e Orixes, Tramas, Escenarios, Cidade Narrada e Voces da Cidade) a evolución e construción da cidade dende diversas perspectivas a través dunha combinación de obxectos e materiais físicos e tecnoloxías interactivas.

 

Desde a Batalla de Brión librada na ría de Ferrol en 1800 e recreada a modo de ilustracións animadas, a mostra amosa o Ferrol Vello que permanece nos símbolos, o deseño das estruturas defensivas e da loxística dos servizos de subministración e saneamento, así como os proxectos das grandes obras públicas, as comunicacións e a construción dos barrios. Unha evolución marcada pola chegada da industria e polo crecemento da poboación provocado polas necesidades da Armada e os estaleiros, con forte presenza de cidadanía estranxeira. 

 

Baixo a premisa dunha expansión urbana considerada dos mellores exemplos da ilustración na Península Ibérica, atopamos planos e documentos dos séculos XVII e XVIII. Entre eles figura un mapa de 1639, conservado no Arquivo de Simancas, que describe o porto de Ferrol e no que a Coroa integra a ría dentro do sistema loxístico de apoio á Armada. Da mesma institución chega unha copia do plano orixinal do proxecto do Arsenal de 1751 de gran valor histórico porque presenta unha solución habitacional para o amplo continxente humano que chegaría á cidade. O plano da Alameda de Ferrol de 1841, procedente do Museo Naval de Madrid, é outra das pezas importantes que documentan neste caso a planificación da primeira alameda urbana de Galicia.

 

Os saberes técnicos teñen grande importancia no relato expositivo, destacando a Enciclopedia Mecánica (1962), precursora do hipertexto, ideada pola mestra Ángela Ruiz Robles e cuxo prototipo foi fabricado nas instalacións do Parque de Artillería de Ferrol. Outro dos exemplos do Ferrol industrial, ligado á cultura técnica do Arsenal, é un reloxo de seis esferas de 1811 procedente do Museo de Pontevedra.

 

Arte, literatura e entretemento

A arte e o entretemento, tan arraigados na sociedade ferrolá, están representados a través de varias pezas como son unha trompeta de cine sonoro de 1928, unha das escasas testemuñas conservadas da chegada do cine sonoro a Galicia e custodiada no Museo de Narón. Ademais, ten especial protagonismo unha pintura moi pouco coñecida e chea de simbolismo por ser un dos mellores exemplos da pintura social da Galicia da transición e primeiros anos da democracia. Trátase de Cara Fisterra, un cadro de Ricardo Segura Torrella cedido pola súa familia onde se representa a mestura da sociedade mecanizada e rural.

 

Ocupan un lugar sinalado no itinerario expositivo dúas pinturas do Palacio del Pardo. Son das primeiras vistas de Ferrol desde o Arsenal que aparecen na arte, obra de Mariano Sánchez e datadas entre 1792 e 1795. Cobran especial valor porque ser das escasas mostras de pinturas enfocadas na vida urbana e non relixiosas da Galicia do S.XVIII.

 

Entre o material documental, o percorrido recolle as notas do escribán Lopo García de Toar, da segunda metade do S.XV. Este notario público de Ferrol copiou 23 poemas do cancioneiro de Afonso Paes (de finais do S.XIV) cando a poesía trobadoresca en galego estaba en desaparición. O seu achado revolucionou o que coñecíamos sobre os episodios finais da lírica galego-portuguesa medieval e, porén, ten un valor excepcional na literatura peninsular da época.

 

Imaxes relacionadas