Fernández-Tapias destaca o éxito da nova estación durante o primeiro fin de semana de funcionamento con 316 autobuses e a súa maior parte con acceso pola autoestrada AP-9

A delegada da Xunta en Vigo sinala que a inauguración da nova intermodal saldouse sen ningún tipo de incidencia

Vigo, 19 de decembro de 2022 A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, destacou este luns o bo funcionamento da nova Estación Intermodal de Autobuses de Vigo tras a súa posta en marcha o pasado sábado. Rematada hai seis meses cun investimento de 18 millóns de euros, as novas instalacións xa estiveron a pleno rendemento durante o sábado e o domingo sen ningún tipo de incidencia.

 

Segundo explicou a representante autonómica, un total de 316 autobuses entraron e saíron da estación nos dous primeiros días de apertura, e a maior parte das viaxes foron a través dos accesos que dan a autoestrada AP-9, tal e como estaba planificado.

 

“Foi un éxito rotundo e os viaxeiros xa puideron comprobar a mellora que supón ter a conexión entre bus e tren a tan só uns minutos”, engadiu.

Ademais, destacou os intentos da Xunta de Galicia por abrir a estación o antes posible. “Puxemos todo o empeño en que funcionase canto antes, pero por desgraza tivemos que agardar máis de seis meses”, sinalou.