A Xunta iniciará en xaneiro as obras de mellora de eficiencia enerxética no edificio da delegación da Xunta na Coruña por un importe de 1,8 M€

O delegado territorial presentou hoxe o proxecto que inclúe a instalación de dúas caldeiras de biomasa e a mellora do sistema de control e a substitución dos equipos de iluminación existentes por luminarias LED

Trenor incidiu na implicación da Xunta coa cidade da Coruña con actuacións de mellora no edificio de Mobilidade, na oficina de emprego de Monelos ou a rehabilitación do Espazo Amizar para ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía

A Coruña, 19 de decembro de 2022

O delegado da Xunta na Coruña, Gonzalo Trenor, presentou hoxe  as obras, que se iniciarán en xaneiro, para mellorar a eficiencia enerxética do edificio da Xunta en Monelos por un importe de máis de 1,8 millóns de euros e un prazo de execución de seis meses. As actuacións serán financiadas cos fondos europeos Feder Galicia 2014-2020.

Os traballos previstos inclúen a instalación de dúas caldeiras de biomasa e a mellora do sistema de control e a substitución dos equipos de iluminación existentes por luminarias LED de alta eficiencia reguladas con detectores de luminosidade de presenza e movemento.

Trenor lembrou que esta obra se enmarca na aposta da Xunta por modernizar e acondicionar as infraestruturas destinadas á prestación de servizos públicos con actuacións que permiten reducir o consumo de enerxía e dotar ao persoal e á cidadanía de mellores medios. De feito, desde 2015 o investimento da Administración autonómica en melloras de eficiencia enerxética dos seus edificios administrativos en Galicia achégase aos 18 millóns de euros, a maiores do previsto para a delegación territorial da Coruña.

Renovación e modernización

En definitiva, trátase de continuar avanzando na modernización e renovación das infraestruturas administrativas da Xunta e na posta en marcha de novas tecnoloxías coas que obter importantes aforros económicos e de enerxía, ao reducirse a emisión de CO2 e o consumo de quilovatios.

O representante do Goberno galego lembrou as distintas actuacións que a Xunta de Galicia está levando a cabo na cidade e que prestan servizos directos á cidadanía, concretamente, no edificio de Mobilidade da Estación de Autobuses estase a investir máis dun millón de euros na reforma interior e exterior da mesma, en breve iniciarase a reforma da oficina de emprego de Monelos cun investimento de máis de 1,2 millóns de euros para ofrecer uns espazos máis amplos e modernos e que permitirán aumentar en 5 persoas o persoal actual.

Trenor tamén lembrou que esta cidade conta desde hai pouco máis dun ano co novo Espazo Amizar, un edificio administrativo novo que conta con 300 funcionarios e presta servizo no ámbito do emprego e de política social, no que a Xunta investiu máis de 7 millóns grazas ao cal conseguiuse aforrar máis de 750.000 euros ao ano en alugueiros.

En definitiva, apuntou o delegado, “trátase de continuar avanzando na modernización e renovación das infraestruturas administrativas da Xunta para ofrecer máis e mellores servizos á cidadanía”.

Na presentación participou tamén a secretaria xeral técnica da Vicepresidencia Segunda e Consellería de Presidencia, Xustiza e Deportes, Elena Muñoz, quen incidiu na aposta do Goberno galego pola mellora de distintas infraestruturas administrativas, con distintos proxectos como é o caso agora de Monelos.

Nesta liña destacou especialmente as actuacións de mellora enerxética co Plan de aforro e eficiencia enerxética no sector público autonómico de Galicia 2022-2024, aprobado recentemente e que permitirá “un aforro medio de 11 millóns de euros anuais na factura enerxética da Administración galega e das súas entidades”. “Dáselle así resposta ás directrices europeas para establecer estratexias a longo prazo que permitan renovar o parque edificatorio das administracións públicas cara á súa descarbonización”, engadiu.

Tamén da continuidade ao Plan de eficiencia enerxética nos edificios administrativos da Xunta de Galicia 2016-2018, no marco orzamentario do Programa Operativo FEDER para o período 2014-2020, que supuxo investimentos de 26,3 millóns de euros, dos que 6,3 millóns corresponden a edificios xudiciais e 19,4 millóns a infraestruturas administrativas.

Ademais, cómpre lembrar que as actuacións presentadas hoxe sobre o edificio administrativo de Monelos xunto coas previstas na delegación territorial da Xunta en Ferrol, suporán unha achega de 3 millóns de euros en 2023. Tamén no edificio administrativo da Xunta en Lugo se investiron outros 2 millóns de euros en melloras de eficiencia enerxética que están a piques de rematar. A estas contías súmanse outros 500.000 euros para actuacións tamén de eficiencia enerxética nos edificios xudiciais de Noia e Marín ademais doutras novas actuacións nas envolventes de distintos xulgados e de renovación da súa iluminación e ventilación.

Imaxes relacionadas