A Xunta reclama a participación das comunidades autónomas na futura Lei de Industria

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que asistiu hoxe en Madrid á Conferencia Sectorial de Industria e Peme, apunta que a normativa estatal, que chega tarde, recupera agora figuras para a axilización administrativa dos proxectos que xa se están a impulsar en Galicia

Advirte que as empresas están precisando unha actuación inmediata por parte do Goberno no que respecta aos fondos europeos, que tamén foron deseñados á marxe das administracións autonómicas

Lembra que proxectos como os de Stellantis, Altri ou Showa Denko non están obtendo resposta, e hai Pertes como o do naval, o da descarbonización ou o agroalimentario que están sen convocar

Madrid, 19 de decembro de 2022

O vicepresidente primeiro e conselleiro de Economía, Industria e Innovación, Francisco Conde, que participou hoxe en Madrid na Conferencia Sectorial de Industria e Peme, reclamou máis participación das comunidades autónomas nas decisións que está a adoptar o Goberno no actual contexto de transición enerxética e dixital, e principalmente na futura Lei de Industria.

 

Segundo o representante da Xunta de Galicia, “parece que o Goberno está intentando deseñar unha política industrial á marxe das comunidades autónomas”, que son as que teñen as competencias neste eido. O vicepresidente económico sinalou que “as decisións que se están marcando por parte do Goberno están deixando fóra aos principais proxectos industriais”, apuntando ademais que a normativa estatal chega tarde, e recupera agora figuras para a axilización administrativa dos proxectos xa impulsadas en Galicia.

 

Así, indicou que “Galicia adiantouse desde o punto de vista da axilización administrativa e o Goberno chega tarde”. O responsable de Economía, Industria e Innovación remarcou que a Administración autonómica espera que “polo menos desde a perspectiva dos fondos europeos si haxa unha resposta inmediata, que é o que están precisando nestes momentos as empresas e os investimentos” vinculados ao proceso de transformación.

 

Polo de agora, tal e como recordou o responsable de Economía, Industria e Innovación, Galicia non está tendo unha resposta nos fondos europeos, que tamén foron deseñados á marxe das comunidades autónomas. Nestes momentos, aínda se está agardando que se convoquen axudas para automoción cos máis de 2000 millóns sen adxudicar na primeira convocatoria do Perte da automoción. Tal e como lembrou Conde, proxectos importantes como Altri ou Showa Denko tampouco están obtendo resposta, e hai Pertes como o do naval, o da descarbonización ou o agroalimentario que están sen convocar, o que provoca “unha enorme incerteza, unha enorme inseguridade e unha situación de colapso” que se espera que “esta Lei, na medida en que se poida consensuar coas comunidades autónomas”, poida dar unha resposta.

 

Conde alertou de que está en risco nestes momentos a deslocalización de industrias en Galicia por esta falta de resposta por parte do Goberno en materia de fondos europeos e tamén en moitos casos en materia de axilización administrativa, como pode ser o caso dos proxectos eólicos vinculados ao eido industrial.