A Xunta e a Fundación Paideia poñen en marcha unha aceleradora de música para impulsar ata 12 proxectos de artistas e grupos galegos

A conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a presidenta da entidade colaboradora, Sandra Ortega, asinaron un convenio para a realización conxunta deste programa, ao que se destinan 240.000 euros a través da Axencia Galega de Industrias Culturais
 

A xestión de Paideia arrancará cunha primeira fase de aceleración con máis de 70 horas dedicadas á consultoría e mentorización das iniciativas seleccionadas para continuar coa promoción dos traballos resultantes e a participación en mercados profesionais
 

Continúa aberto o prazo de solicitude para a selección dos profesionais autónomos e microempresas, cun máximo de cinco anos de actividade neste ámbito, aos que se lles facilitarán as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das súas carreiras
 

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022

  O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, e a presidenta da Fundación Paideia Galiza, Sandra Ortega, asinaron un convenio de colaboración mediante o que esta entidade será a encargada da xestión da nova Aceleradora Cultural de Proxectos Musicais, a través da que a Xunta investirá 240.000 euros no sector co obxectivo de impulsar ata 12 propostas de artistas e grupos galegos.

A selección de Paideia é o resultado dun proceso público, en réxime de concorrencia competitiva, iniciado a mediados de novembro como primeiro paso para a posta en marcha desta aceleradora musical co obxectivo de estimular a profesionalización do sector e de impulsar a carreira de artistas emerxentes. Ao tempo, continúa aberto ata o vindeiro 28 de decembro o prazo de solicitude para profesionais autónomos e microempresas musicais galegas, cun máximo de cinco anos de actividade neste ámbito, cara á selección de entre catro e 12 proxectos para participar nas diferentes fases desta iniciativa.

Investimento do 80%

En virtude do convenio subscrito hoxe, a Xunta asume o 80% dos custos das actividades de aceleración a través da Axencia Galega das Industrias Culturais e ao abeiro dos fondos Next Generation EU e do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia. Deste xeito, destínanse preto de 180.000 euros ás diferentes accións destinadas a facilitarlles aos participantes as ferramentas necesarias para o desenvolvemento das súas carreiras, mentres que os 60.000 restantes corresponden aos gastos de xestión.

Pola súa banda, a Fundación Paideia asumirá a organización deste programa arredor de dúas fases, comezando por unha etapa de consultorías individualizadas e grupais, tanto presenciais como telemáticas, que incluirán diferentes accións de mentorización arredor de cada un dos proxectos seleccionados co foco posto na proposta artística, produción, promoción, comercialización e modelo de negocio. Serán máis de 70 horas de actividade as que se investirán en cada un dos participantes nesta primeira fase, da que resultará a creación e gravación dos correspondentes produtos musicais, así como a elaboración dos seus plans de negocio.

Fase de promoción e mercados

A segunda etapa dedicarase á promoción e difusión dos proxectos a través da súa participación en circuítos de concertos, festivais, encontros cos medios de comunicación e asistencia a foros e mercados profesionais, dentro e fóra de Galicia, ademais de nun evento final de presentación das propostas con actividades de networking e reunións personalizadas .

Coa posta en marcha deste programa, ábrese un proceso de vertebración sectorial a través do que se busca acelerar o crecemento do tecido empresarial e profesional da nosa industria musical, ademais de definir e analizar as necesidades dos proxectos musicais emerxentes co fin de impulsalos e consolidalos tanto a nivel nacional como internacional. Buscarase igualmente mellorar o seu acceso ao mercado e ao financiamento, así como favorecer sinerxías de encontro e colaboración artística e empresarial dentro do seu ámbito e do conxunto da industria cultural.

Imaxes relacionadas