Fernández-Tapias celebra a aprobación da proposta para coordinar unha programación cultural ao redor da figura de Carlos Oroza

A delegada territorial da Xunta en Vigo destacou a unanimidade recibida pola Proposición Non de Lei do Grupo Parlamentario Popular na Cámara galega

Vigo, 19 de decembro de 2022

A delegada territorial da Xunta en Vigo, Marta Fernández-Tapias, celebrou este luns a aprobación por unanimidade da Proposición Non de Lei (PNL) presentada polo Grupo Parlamentario Popular o pasado venres na Cámara galega para instar ao Goberno galego a coordinar unha programación ao redor da figura do escritor Carlos Oroza.

 

A representante autonómica destacou que con motivo do ano do centenario do seu nacemento é necesario divulgar a vida e a obra deste poeta entre a poboación de Galicia. “Temos o deber de por en valor o legado de Carlos Oroza, un dos grandes poetas españois de todos os tempos, porque ademais tivemos a sorte de que vivise durante moitos anos en Vigo e a cidade está presente con moita forza na súa obra”, sinalou Fernández-Tapias.

 

O deputado popular Carlos Gómez Salgado foi o encargado de defender a Proposición Non de Lei no Parlamento galego. “Autor dunha obra reducida en número, defendía que a poesía debía ser interpretada, lonxe da cadea das páxinas de papel”, sinalou. Carlos Gómez apuntou que Oroza “foi un creador que non tivo adscrición a ningunha corrente estética en particular, xa que foi en todos os sentidos un autodidacta que creou un universo poético propio, fortemente enraizado no substrato galego e español”.

 

A Xunta de Galicia xa amosou recentemente o seu apoio á nova Asociación Évame-Oroza a través da delegada territorial, que mantivo unha xuntanza coa directiva. Ademais, o colectivo conta xa cun local propio no Casco Vello de Vigo no que haberá un espazo dedicado á investigación da escrita e a súa interacción coas artes.

 

O nome Évame-Oroza, responde a unha das misións permanentes desta asociación cultural: custodiar e promover o patrimonio literario de Carlos Oroza (Viveiro, 1923-Vigo, 2015), transitar a ponte bicultural que, co legado do poeta, une a creación literaria en castelán e en galego, e animar o risco creativo das novas xeracións nos eidos ibéricos da narrativa e a poesía.

 

Imaxes relacionadas