A Xunta entrega o 'Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos' á Casa de Galicia en Madrid

Ángeles Vázquez resalta tanto o seu valor cartográfico como a compilación de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas ao longo dos últimos 50 anos
 

Forma parte da Colección Paisaxe Galega, unha serie de publicacións que inclúe tamén un visor interactivo con 52 rutas en bicicleta e 12 guías monográficas
 

Madrid, 19 de decembro de 2022  A Xunta entregou o Atlas da Paisaxe dos Camiños Xacobeos á Casa de Galicia en Madrid durante unha reunión que a conselleira de Medio Ambiente, Territorio e Vivenda, Ángeles Vázquez, mantivo co director da entidade, Juan Carlos Serrano.

Durante a reunión, a conselleira resaltou tanto o seu valor cartográfico como a compilación de 83 ortofotos históricas e actuais que permiten comprobar a evolución da paisaxe pola que discorren as diferentes rutas xacobeas ao longo dos últimos 50 anos.
 
Este atlas, que a conselleira cualificou como “unha publicación excepcional e de gran valor histórico”, inclúe 241 fotografías nun volume de 770 páxinas agrupados en 65 capítulos, nun formato único cunha narración a 4 páxinas en tres idiomas que, grazas ao fío condutor do Camiño de Santiago, permite coñecer as diferentes paisaxes galegas tanto naturais como construídas.
 
Deste xeito, segundo explicou a conselleira, este Atlas supón un traballo detallado que permite facer un percorrido visual polos 1.500 quilómetros de Camiño que temos na Comunidade e dar a coñecer e poñer en valor a riqueza paisaxística galega.
 
Cómpre salientar que este Atlas, realizado polo Instituto de Estudos do Territorio, vénse sumar á Colección Paisaxe Galega, unha serie de publicacións á que se destina un investimento de máis de 750.000 euros e que, xunto con este novo formato presentado hoxe, conta tamén un visor interactivo con 52 rutas en bicicleta, e 12 guías monográficas, así como outras 6 en elaboración. O seu obxectivo é protexer as diferentes formas de paisaxe existentes na Comunidade, impulsando a súa conservación e o seu mantemento e ofrecendo criterios para a planificación e deseño das futuras intervencións sobre o territorio poñendo o foco no fermosismo galego.

Imaxes relacionadas