O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias presidiu esta mañá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria

A Xunta destaca que os prezos pagados a produtores de leite galegos incrementáronse en preto dun 55% desde outubro de 2021

José Balseiros sinalou que Galicia segue sendo a maior produtora de leite con 2,4 millóns de toneladas entregadas no 2022, o que representa máis do 40% das entregas de toda España
 

No tocante á transformación de leite, os datos mostran un incremento de máis dun 50% entre os anos 2016 e 2021 na nosa comunidade, o que supuxo unha suba de máis de 630.000 toneladas
 

Dentro do contexto europeo, Galicia foi a décima rexión produtora de leite no ano 2021 e, de manterse esta tendencia positiva, podería chegar a situarse -a medio prazo- como a oitava rexión produtora da Unión Europea

Santiago de Compostela, 19 de decembro de 2022 O director xeral de Gandaría, Agricultura e Industrias Agroalimentarias, José Balseiros, presidiu esta mañá a reunión do grupo de coordinación do Observatorio da Cadea Alimentaria. Alí, debullou o último informe do sector lácteo e destacou que os prezos pagados a produtores de leite da nosa Comunidade incrementáronse en case un 55% desde outubro de 2021, situándose nos 53 céntimos/litro.  

 

Neste senso, Balseiros sinalou que a evolución do prezo medio do leite é moi boa e agarda que o incremento siga nos vindeiros meses. Ademais, concretou que desde decembro de 2021, o incremento deste prezo medio foi de 17,4 cts/litro de leite, é dicir, preto dun 50% máis. No tocante á produción, o director xeral sinalou que Galicia segue sendo a maior produtora de leite con 2,4 millóns de toneladas de leite entregada no 2022, o que representa o 40,75% das entregas de toda España.

 

Con todo, José Balseiros indicou que esta suba de prezos tamén vén condicionada, como non podía ser doutro xeito, polo incremento nos custos de produción que están a sufrir as granxas galegas. Neste senso, indicou que o impacto do prezo da enerxía e das materias primas desde decembro de 2021 supuxo unha suba dos custos dun 11,76%, o que fixo máis que necesario incrementar o prezo aos produtores, permitindo así mellorar as marxes de beneficio das granxas de Galicia.

 

Transformación industrial

Durante a súa intervención, o director xeral lembrou que a Estratexia de dinamización do sector lácteo galego fixa como obxectivo para 2025 transformar en Galicia o 75% do leite producido.

 

A realidade, destacou Balseiros, indica que no ano 2021 industrializouse na nosa comunidade o 63,23% deste produto. Así, a transformación de leite na nosa comunidade incrementouse nun 50,32% entre os anos 2016 e 2021, o que supuxo un incremento na transformación de máis de 630.000 toneladas.

 

Contexto europeo

O director xeral subliñou que, dentro do contexto europeo, Galicia foi a décima rexión produtora de leite no ano 2021. De feito, as cifras de produción de leite da nosa comunidade estiveron moi próximas a outras rexións relevantes de Alemaña, Francia e Polonia.

 
Neste senso, José Balseiros destacou que a nosa comunidade mantén un crecemento constante ano tras ano na súa produción de leite, polo que de manterse esta tendencia podería chegar a situarse -a medio prazo- como a oitava rexión produtora da Unión Europea.

Imaxes relacionadas