O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, asistiu hoxe aos actos organizados por esta entidade

A Xunta conmemora o día das persoas migrantes coa ONG Mestura

Destaca a importancia da colaboración co tecido asociativo para garantir os dereitos destas persoas e evitar situacións de discriminación

Culleredo (A Coruña), 18 de decembro de 2022

O director xeral de Inclusión Social, Arturo Parrado, conmemorou hoxe o Día Internacional das Persoas Migrantes no centro social O Noso Lar da ONG Mestura. Arturo Parrado sinalou a importancia de seguir traballando en colaboración coas entidades para garantir os dereitos destas persoas e evitar situacións de discriminación.

 

O director xeral destacou o traballo de Mestura en favor da inserción laboral dos migrantes e no ámbito da intermediación cultural. Así mesmo, apuntou a necesidade de dar máis visibilidade e de sensibilizar á sociedade en xeral sobre a realidade destas persoas.

 

Arturo Parrado destacou a colaboración do Goberno galego con esta organización a través do financiamento dos seus programas, aos que se destinan 260.000 euros. Neste sentido, manifestou que este apoio é fundamental para que “seguir avanzando xuntos en favor da igualdade de oportunidades e en medidas que procuran mellorar a calidade de vida das persoas migrantes que chegan á nosa terra”.