A Xunta activa unha alerta laranxa para mañá por temporal costeiro nas provincias da Coruña e Pontevedra

Agárdase vento do sur de forza 8 e de forza 9 entre Vilán-Sisargas e entre Fisterra-Sisargas

Aconséllase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2022

A Dirección Xeral de Emerxencias e Interior da Vicepresidencia Segunda da Xunta vén de activar para mañá unha alerta laranxa por temporal costeiro nas provincias da Coruña e de Pontevedra.

 

Segundo a Axencia Estatal de Meteoroloxía (AEMET), o fenómeno meteorolóxico adverso de nivel laranxa comezará a partir das 06,00 horas do domingo no caso do litoral da Coruña, e estenderase a partir das 09,00 horas ao de Pontevedra. Agárdase vento do sur de forza 8 e de forza 9 entre Vilán-Sisargas e entre Fisterra-Sisargas.

 

A Xunta lembra a importancia de manterse afastado da liña de costa, isto é, diques, rompentes, paseos marítimos. Tamén se recomenda que se extremen as medidas de seguridade á hora de realizar calquera actividade no mar e que se revisen os cabos e amarres das embarcacións.

 

Acónsellase consultar a páxina web do CIAE 112 (www.112galicia.org), que conta con información meteorolóxica e con ligazóns de interese.