A Xunta avanza os traballos para a implantación do proceso asistencial integrado do dano cerebral adquirido de cara ao 2023

Céntrase na consecución da máxima autonomía funcional, participación social e calidade de vida do paciente

Galicia xa conta con procesos asistenciais integrados para esclerose lateral amiotrófica e a esclerose múltiple
 

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2022

   “A previsión da Xunta é que no vindeiro ano estea implantado o Proceso Asistencial Integrado do dano cerebral adquirido en Galicia” . Así o destacou o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, na inauguración da Xornada sobre o dano cerebral adquirido, organizada por FEGADACE. Tamén anunciou que, o ano que vén, “temos previsto incorporar o Proceso Asistencial Integrado de Alzhéimer e outras demencias”.

Na súa intervención neste foro, o titular da carteira sanitaria dixo que “dende a Xunta temos un claro compromiso coa mellora dos procesos asistenciais vencellados ás enfermidades dexenerativas e, neste senso, aprobamos diversos procesos asistenciais integrados para enfermidades que requiren dunha atención e un seguimento específicos”.

Ao respecto, a sanidade pública galega conta dende 2018 cun Proceso Asistencial Integrado para a esclerose lateral amiotrófica. Así mesmo, o Proceso Asistencial Integrado de esclerose múltiple, do ano 2019, fixa un protocolo común para toda a comunidade, estando orientado á detección temperá e contemplando o procedemento para a solicitude e avaliación da discapacidade.

O conselleiro, quen remarcou que nos últimos anos “traballamos para optimizar estes procesos”, agradeceu á Federación galega de dano cerebral o seu esforzo e constancia na atención dos pacientes e os seus familiares, e por colaborar “dende o principio” na creación do Proceso Asistencial Integrado, “que permitirá homoxeneizar a atención sanitaria do dano cerebral adquirido no Sergas”.

Para rematar a súa intervención, Comesaña destacou a importancia de xornadas como esta, que “serven para darnos pautas que nos permitirán contar cunha mellor prevención, diagnóstico, atención e tratamento do paciente, e que resultan fundamentais para dar visibilidade ás enfermidades, así como para dar voz aos pacientes e concienciar á poboación”.

Imaxes relacionadas