A Xunta recibe 7 ofertas para executar as obras de mellora da seguridade na estrada PO-315 en Beluso, no concello de Bueu, cun investimento de case 330.000 €

A intervención, que se executará en 2023, céntrase na construción dunha beirarrúa nun treito de 600 metros pola marxe esquerda da estrada, conectando coas que xa existen nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo
 

Ampliarase a plataforma deste tramo da PO-315 e habilitaranse paradas de autobús con marquesiña en ambas as dúas marxes á altura do quilómetro 2+500
 

Tamén se mellorará a drenaxe, modernizaranse os servizos, renovarase a capa de rodaxe nas zonas deterioradas e estabilizarase un noiro

Santiago de Compostela, 17 de decembro de 2022

A Xunta recibiu un total de 7 ofertas de empresas para executar as obras de mellora da seguridade viaria e da mobilidade na estrada autonómica PO-315, ao seu paso pola parroquia de Beluso, no concello de Bueu.

Esta nova actuación da Consellería de Infraestruturas e Mobilidade no municipio pontevedrés foi licitada por un importe de 327.617 euros e os traballos contan cun prazo de execución de 6 meses.

 

A Xunta destinará ao desenvolvemento desta intervención un investimento total de 340.000 euros, incluíndo o pagamento dos 8 predios necesarios para a execución da intervención. O obxectivo é realizar os traballos en 2023.

 

A intervención céntrase na construción dunha beirarrúa de formigón dunha anchura de dous metros pola marxe esquerda da estrada PO-315 nun treito duns 600 metros de lonxitude. Esa nova beirarrúa permitirá conectar as beirarrúas existentes nos núcleos da Achadiza e da rúa Nova de Abaixo, entre os puntos quilométricos 2+150 e 2+750.

 

Así mesmo, ampliarase a plataforma da estrada e instalaranse paradas de autobús con marquesiñas en ambos os laterais da vía, á altura do quilómetro 2+500.

 

Os traballos incluirán a mellora da drenaxe e a adecuación e modernización dos servizos existentes nese treito, ademais da renovación da capa de rodaxe naquelas zonas da estrada que teñan o firme deteriorado.

Tamén prevese a estabilización do noiro de desmonte existente na curva entre os puntos quilométricos 2+580 e 2+660. Actualmente o noiro ten unha pendente moi vertical e proxéctase a escavación necesaria para actuar nel e que sexa así máis estable.

As actuacións financiaranse con fondos europeos REACT-EU, de resposta fronte á pandemia da covid-19.

Esta nova actuación no concello de Bueu dá continuidade aos proxectos de reforzo da seguridade viaria e de acondicionamento de espazos peonís impulsados pola Xunta neste municipio do Morrazo.

Imaxes relacionadas