A Xunta recolle o “Batefuegos de Oro” concedido a título póstumo a Luis Miguel Segovia, ex-xefe do Servizo de Incendios en Ourense

Con este galardón quérese recoñecer a traxectoria deste profesional, falecido o pasado mes de setembro e que estivo vinculado durante a maior parte da súa carreira á xestión forestal e á defensa dos montes na provincia ourensá
 

O director xeral de Defensa do Monte foi o encargado de recibir esta tarde en Córdoba o galardón, en representación do Goberno galego

Córdoba, 16 de decembro de 2022 O director xeral de Defensa do Monte, Manuel Rodríguez, recolleu esta tarde en Córdoba o “Batefuegos de Oro”, na categoría de premio honorífico, entregado este ano a título póstumo a Luis Miguel Segovia, falecido o pasado mes de setembro e que entre outros cargos desempeñou o de xefe do Servizo provincial de Prevención de Incendios Forestais en Ourense.

 

Con este galardón, o “Observatorio Social El Batefuegos de Oro” quixo recoñecer nesta vixésimo primeira edición dos premios a traxectoria profesional deste funcionario, madrileño de nacemento pero vinculado durante a maior parte da súa carreira á xestión forestal e á defensa dos montes na provincia ourensá.

O “Batefuegos de Oro” é unha iniciativa posta en marcha por Osbo digital, un portal de información e análise sobre os incendios forestais, para recoñecer o labor dos profesionais que traballan na prevención, defensa e extinción dos lumes. Os premios divídense en varias categorías: o propio “Batefuegos de Oro”, o honorífico -entregado este ano a Luis Miguel Segovia-, o do ano, o relativo á imaxe do ano e o de comunicación.

Imaxes relacionadas

Departamento:
C. do Medio Rural