O conselleiro de Cultura participa na presentación do libro ‘O gran triángulo’, de Francisco Díaz-Fierros, que narra a expedición científica da que formou parte o lalinense

Román Rodríguez destaca a figura do Matemático de Bermés como “un persoeiro elemental da historia científica de Galicia”

Felicita ao autor por traducir o traballo de Xosé Rodríguez a termos comprensibles para todos os públicos e fai un chamamento para reivindicar a aqueles persoeiros que contribuíron a poñer Galicia no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso

Asiste tamén á presentación do Anuario do Seminario de Estudos de Deza e á entrega dos seus Premios do Patrimonio Cultural
 

Lalín (Pontevedra), 16 de decembro de 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, participou esta tarde na presentación do libro O gran triángulo, do catedrático e académico Francisco Díaz-Fierros Viqueira. Unha obra conta co apoio da Xunta e que pon en valor a expedición científica da que formou parte o lalinense Xosé Rodríguez González (coñecido como Matemático Rodríguez ou Matemático de Bermés). Nesta viaxe tomáronse as correspondentes medicións sobre o terreo para conseguir definir o metro como sistema universal de medida. 

O titular do departamento de Cultura do Goberno galego destacou o nivel científico e intelectual de Xosé Rodríguez, “un home que foi descrito como un auténtico xenio entre os especialistas e técnicos da súa época e que gozou dun trato preferente por parte da corte do rei Carlos IV ante o gran valor das súas investigacións, ademais de ser un referente académico para os seus colegas españois, franceses, alemáns e británicos”.

 A este respecto, Román Rodríguez salientou as achegas do Matemático de Bermés á xeometría, á xeografía e á mineraloxía e valorou o traballo de Francisco Díaz-Fierros e o seu compromiso coa divulgación “deste persoeiro elemental da historia científica de Galicia”. Así mesmo, felicitou ao autor de O gran triángulo por traducir nesta obra a expedición matemática de Xosé Rodríguez a termos comprensibles para todos os públicos. 

O conselleiro rematou a súa intervención poñendo de relevancia a necesidade de que figuras do noso pasado ”da talla humana e intelectual do Matemático Rodríguez volvan ao presente coa forza que se merecen e que reivindiquemos a todos aqueles persoeiros que contribuíron a poñer Galicia no mapa da ilustración, da ciencia e do progreso”. 

Gala da Cultura

Román Rodríguez participou tamén esta tarde na gala da Cultura do Seminario de Estudos de Deza, na que se presentou o Anuario Descubrindo nº15 e se entregaron os Premios do Patrimonio Cultural desta institución. Nesta ocasión os galardóns recaeron en Gonzalo Navaza (modalidade de investigación do patrimonio cultural) e na Comunidade de Montes de Bermés, Regado, Rego do Prado, Lamela, Orxás, Riádigos, Campo e Camiño Real (modalidade posta en valor e divulgación do patrimonio cultural de Deza). No caso do Premio de Honra ao Seminario de Estudos de Deza, foi para Armando Vázquez Crespo; mentres que o Premio Descubrindo recaeu en Cesar Gómez Buxán. 

O conselleiro gabou o traballo desenvolvido por todos os premiados e, en especial, a súa contribución á conservación e coñecemento dos valores patrimoniais da comarca, labor polo que tamén eloxiou ao Seminario de Estudos de Deza.

 

Imaxes relacionadas