Santiago Besteiro gaña o Premio Nacional de Artesanía na categoría de Emprendemento

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente de Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron en Madrid á gala de entrega dos galardóns

A Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista na categoría Promociona para Entidades Públicas, polo encontro Corazón da Artesanía, que se celebra en Agolada

O obradoiro de tornería Vikensen (Tomiño) competía tamén como finalista na categoría de Emprendemento

Desde a creación destes galardóns no ano 2006, o sector artesán galego ten recibido 13 premios e unha mención especial, ademais de ser finalistas en numerosas ocasións
 

Madrid, 16 de decembro de 2022.-

O director xeral de Comercio e Consumo, Manuel Heredia, e a xerente da Fundación Artesanía de Galicia, Elena Fabeiro, asistiron esta mañá en Madrid á gala de entrega dos Premios Nacionais de Artesanía 2022, convocados polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo. O obradoiro de coiro de Santiago Besteiro (Monterroso) recibiu o galardón na categoría de Emprendemento, ao que tamén optaba o obradoiro de tornería Vikensen (Tomiño), ambos os dous pertencentes á marca Artesanía de Galicia.

 

A Fundación Artesanía de Galicia resultou finalista na categoría Promociona para Entidades Públicas, polo seu proxecto Corazón da Artesanía. Encontro da Artesanía Tradicional e popular de Galicia que se celebra anualmente nos Pendellos de Agolada (Pontevedra).

 

Santiago Besteiro Design dedícase ao deseño, desenvolvemento e elaboración de pezas artesás de alta calidade realizadas con materiais naturais e biodegradables. O seu traballo céntrase no coiro combinado con outros materiais como a pedra ou a madeira, primando a investigación con novas formas e materiais, un deseño simple e funcional e buscando ofrecer os máis altos estándares de calidade. No taller mantén dúas liñas de produtos: por unha banda, á marroquinería e, pola outra, pezas escultóricas e dedicadas á decoración de interiores. Actualmente, traballa realizando prototipado e investigación de novos produtos para clientes coma Loewe, que en xuño deste mesmo ano 2022 presentouno no Salón do Moble de Milán como novo artesán colaborador. 

 

O obradoiro de Santiago Besteiro está recomendado pola guía dixital Homo Faber, que destaca a excelencia da artesanía europea, e da guía dixital España Artesana, impulsada pola Asociación Contemporánea de Artes y Oficios, que destaca os mellores artesáns de España. Na súa curta traxectoria foi xa finalista en tres ocasións dos Premios Artesanía de Galicia (2020, 2021 e 2022) e do European Craft Prize 2021.

 

Os Premios Nacionais de Artesanía están convocados anualmente polo Ministerio de Industria, Comercio e Turismo a través da Escola de Organización Industrial (EOI) e da súa área de promoción da artesanía, Fundesarte.

 

A calidade e a distinción da Artesanía de Galicia está cada vez máis presente nos Premios Nacionais de Artesanía. Desde a súa creación no ano 2006, o sector artesanal galego, incluídas as entidades públicas e privadas que o apoian, teñen recibido 13 premios e unha mención especial, ademais de ser finalistas en numerosas ocasións. A Fundación Pública Artesanía de Galicia da Xunta recibiu o Premio Promociona para entidades públicas en 2012 e 2016 (polo proxecto Enredadas, realizado en colaboración coa Consellería do Mar e orientado a impulsar a diversificación do traballo das redeiras artesás) sendo tamén finalista en 2011, 2019, 2020 e 2022.

Imaxes relacionadas