O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, presentou en Santiago unhas xornadas de seguimento das accións que se están a desenvolver

A Xunta avanza na dixitalización da xestión integral das estradas autonómicas, á que destinará un investimento de máis de 14 M€ ata o ano 2027

Os traballos enmárcase na Estratexia de Dixitalización e Innovación nas estradas da Xunta co fin de ofrecerlle información aos cidadáns e optimizar os recursos da Administración

A Xunta progresa nos traballos de dixitalización dos expedientes de expropiacións da rede autonómica e o relativo á dixitalización da información actualmente en papel do dominio público das estradas, cun investimento de 1,8 M€

Tamén está en marcha a dixitalización dos elementos de defensa das vías, cun investimento de case 2,4 M€, co obxectivo de acadar un ‘xemelgo dixital da estrada’, que facilitará a redacción dos proxectos de mellora ou os labores de conservación

Santiago de Compostela, 16 de decembro de 2022

A Xunta está a avanzar na dixitalización da xestión integral das estradas autonómicas, á que destinará un investimento de máis de 14 millóns de euros ata o ano 2027.

 

O director da Axencia Galega de Infraestruturas, Francisco Menéndez, inaugurou hoxe en Santiago unhas xornadas técnicas para analizar os novos pasos a desenvolver pola Administración autonómica, no marco da Estratexia de Dixitalización e Innovación en materia de Estradas de Galicia, elaborada en coordinación coa Axencia para a Modernización Tecnolóxica de Galicia (AMTEGA).

 

Mediante esta estratexia, a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade trata de dar resposta ás necesidades en xestión integral das estradas autonómicas, buscando a integración de todos os datos e sistemas informáticos.

 

Esta base de datos estará ao dispor dos cidadáns, mellorando a transparencia, aforrando custos e tempos de xestión ás persoas e optimizando os recursos da administración.

 

No marco deste proxecto, a Xunta xa contratou por un investimento de 1,8 M€ e ten en marcha os traballos de dixitalización dos expedientes de expropiacións da rede autonómica de estradas e o relativo á dixitalización da información actualmente en papel do dominio público das estradas.

 

Tamén están en marcha os traballos para a dixitalización dos elementos de defensa da rede autonómica de estradas, cun investimento de case 2,4 M€, cuxo obxectivo é acadar un ‘xemelgo dixital da estrada’, para facilitar a actividade administrativa, redactar proxectos de mellora ou para os labores de conservación.

 

Baixo este contrato elabórase tamén a cartografía dixital dos 5.500 km de estradas de titularidade autonómica, tanto en dúas como en tres dimensións

 

Tamén se vectorizarán os elementos que definen as estradas, como eixes, liñas de separación de carrís, bordos, pontes, viadutos, pasos ou túneles

 

O conxunto de actuacións no marco da Estratexia de Dixitalización e Innovación nas Estradas contan co financiamento do programa do Fondo Europeo REACT-EU, e cos fondos europeos FEDER 21/27.

Imaxes relacionadas