A Xunta achegou 62.500 € á nova pista multideporte que estrea o CEIP O Cantel de Foz

O delegado territorial de Lugo, Javier Arias, explica que o Goberno galego tamén vén de financiar este tipo de espazos no Valadouro e Trabada

Son infraestruturas que permiten a práctica de diferentes disciplinas deportivas en horario escolar e o resto do tempo están abertas a toda a cidadanía

Foz (Lugo), 16 de decembro de 2022 A Consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades achegou 62.500 euros ao Concello de Foz para construír a nova pista multideporte que estrea o CEIP O Cantel.

 

O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, acompañado do alcalde de Foz, Fran Cajoto -entre outras persoas -, visitou as instalacións, impulsadas ao abeiro do Plan de Nova Arquitectura Pedagóxica de Galicia. O Goberno autonómico tamén vén de apoiar o financiamento deste tipo de espazos no CEIP Santa María do Valadouro e no CEIP Celso Currás de Trabada, cun investimento autonómico total na Mariña de 204.300 euros.

 

En Foz proxectouse unha infraestrutura pechada cunha superficie de xogo de 30x15 metros cadrados, con chan de resina deportiva, adaptada para a práctica de diferentes disciplinas como balonmano, fútbol sala, baloncesto, tenis, voleibol ou bádminton. A proposta incluía a colocación de proxectores LED.

 

Arias destacou que a apertura destas pistas forma parte da aposta da Xunta por crear uns espazos educativos “cada vez máis saudables e innovadores”. Subliñou que teñen unha dobre función, posto que fóra do horario escolar están abertos ao resto da cidadanía, “polo que tamén se gaña un novo espazo deportivo para a veciñanza”.

 
A Xunta promove pistas como estas en centros de Educación Infantil e Primaria e nos centros integrados non universitarios de titularidade municipal, cuxo deseño debe ser conforme aos modelos establecidos. A través destas axudas a Administración autonómica subvenciona ata o 85% do custo destas infraestruturas de uso compartido entre os centros e os concellos e é a primeira vez que se habilita unha liña deste tipo, que incide na colaboración interinstitucional entre as administracións autonómica e locais. En total, na provincia de Lugo habilítanse este ano 10 novas pistas multideporte.

Imaxes relacionadas