A Xunta avalía coa comunidade educativa do colexio A Florida futuras melloras neste centro

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, escoita as demandas do equipo directivo do que é un dos colexios máis antigos de Sanxenxo

Sanxenxo (Pontevedra), 16 de decembro 2022

O conselleiro de Cultura, Educación, FP e Universidades, Román Rodríguez, visitou esta mañá o colexio CEIP Plurilingüe A Florida de Sanxenxo, onde avaliou coa comunidade educativa melloras neste centro. O representante de Educación da Xunta tivo ocasión de percorrer o centro e escoitar as demandas do equipo directivo para ter en conta á hora de planificar actuacións de futuro no que é un dos colexios máis antigos de Sanxenxo, que acolle a máis de 200 alumnos.

 

Román Rodríguez aproveitou para destacar o dinamismo deste centro, que participa en moitos dos programas educativos da Consellería, como é o caso dos Club de Ciencia, Contratos Programa tanto no eido da Inclusión como da Innovación, o libro dixital E-dixgal ou o Plan de Mellora de Bibliotecas Escolares.

 

O colexio tamén é un dos seleccionados por Educación para a dotación do Polo Creativo, una novidosa iniciativa posta en marcha por primeira vez este ano e que supón contar cun espazo de innovación educativa con equipamento especializado para traballar as competencias STEM (Ciencia, Tecnoloxía, Enxeñaría e Matemáticas), a co-creación, a resolución de problemas reais e o pensamento de deseño e habilidades. Conta, ademais, cun auxiliar de conversa para levar a cabo o seu proxecto plurilingüe.

 

Entre as actuacións da Consellería de Educación en Sanxenxo, cómpre destacar a construción do novo colexio Cruceiro (cun investimento de 5,25M€), a rehabilitación integral do colexio de Portonovo (con preto de 800.000 euros) e a substitución da cuberta do instituto de Vilalonga (365.000 euros).

 

A Xunta leva investido preto de 6,4M€ en melloras educativas en Sanxenxo concentradas nos últimos dous anos, o que reflicte o compromiso do Goberno galego coa comunidade educativa deste concello.

Imaxes relacionadas