O presidente do Goberno galego visita esta residencia pública autonómica de Pontevedra
Rueda reedita a aposta da Xunta por un novo modelo de atención residencial co investimento de 4 M€ na reforma do centro de maiores de Campolongo
As obras incluirán a reforma da fachada, a reordenación dos espazos comúns e melloras na eficiencia enerxética e na accesibilidade
Defende esta inversión para convertela nun centro de referencia na atención de calidade
Agradeceu a iniciativa do director da residencia para facerlles chegar cariño en forma de carta aos usuarios e que deu lugar a unha onda de solidariedade
Pontevedra, 16 de decembro de 2022 O presidente do Goberno galego, Alfonso Rueda, reeditou a aposta da Xunta por un novo modelo de atención residencial co investimento de 4 millóns de euros na reforma do centro de maiores de Campolongo. “Esta residencia despois de 30 anos necesitaba e merecía un esforzo importante como o que se vai facer agora para convertela nun centro de referencia na atención de calidade”, defendeu o mandatario galego durante a visita que realizou hoxe a esta residencia pública autonómica de Pontevedra, que espertou unha onda de solidariedade trala iniciativa do seu director, Juan José López, animando á xente a facerlles chegar aos seus usuarios cariño en forma de cartas e mitigar con afecto a soidade.
Medidas para que os nosos maiores elixan como e onde queren vivir
Cómpre salientar que o Goberno galego traballa para que os maiores da Comunidade teñan liberdade para elixir como e onde queren vivir, e que con ese obxectivo se puxeron en marcha accións de apoio tanto para os que seguen a residir nas súas casas como para os que o fan nun centro de maiores.